Martes 20 de Novembro de 2018

O Concello de Frades inviste 30.000 euros na habilitación dun patio interior e renovar o teito do comedor do CPI Ponte Carreira


Durante o verán tamén se procedeu a realizar traballos de limpeza e pintado dos campos de xogo e baños

O Concello de Frades vén de investir 30.000 euros de fondos propios na realización de diversas obras de mellora nas instalacións do CPI de Ponte Carreira. Unhas obras realizadas durante o verán e que contaron coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

O alcalde de Frades, Roberto Rey, explica que “ademais dos habituais traballos de mantemento e reparación das instalacións que se fan todos os veráns, nesta ocasión acometemos dúas obras de maior calado e demandadas pola comunidade educativa, como son a habilitación dun patio interior e a renovación do falso teito e o alumeado do comedor escolar”. Uns traballos executados durante o verán, de xeito que as instalacións estiveran en perfecto estado para o inicio do curso escolar.

Obras realizadas

A obra máis complexa foi a habilitación como patio interior no CPI Ponte Carreira dunha área que non podía ser empregada polo alumnado, pois se enchoupaba cada vez que chovía e o pavimento estaba con fochandas e cheo de verdín e maleza. O Concello de Frades procedeu ao saneamento de toda a zona, levantando o antigo pavimento, instalando unha correcta rede de recollida de augas pluviais e colocando un novo firme, que permitirá o uso desta área como un patio máis para o ocio dos nenos e nenas do centro escolar fradense.

Así mesmo, o Concello de Frades retirou o antigo falso teito do comedor escolar, aproveitando a colocación do novo teito para renovar tamén as luminarias da instalación. Os traballos completáronse co pintado do comedor. A maiores, procedeuse á limpeza e pintado dos campos de xogo e dalgunhas das aulas do centro, así como actuacións de mantemento e mellora nos baños e no horto ecolóxico, montado o ano pasado polo alumnado.