Luns 19 de Novembro de 2018

O Concello de Noia reforza a súa loita contra a vespa velutina tras recibir 2 equipos de protección individual e unha pértega de 27 metros


O alcalde, Santiago Freire, e mais a concelleira de Medio Ambiente, Ángela Neri, fixeron entrega do material a Protección Civil
O Concello de Noia reforza a súa loita contra a vespa velutina tras recibir 2 equipos de protección individual e unha pértega. A Consellería do Medio Rural realizou a cesión en propiedade destes elementos que servirán para a retirada de niños desta especie invasora.

O alcalde de Noia, Santiago Freire, e a concelleira de Medio Ambiente, Ángela Neri, veñen de facer a entrega de todo o material aos membros de Protección Civil. Os dous equipos de protección individual están dotados de traxes de dobre capa abrandado e con gomas nos puños e nocellos para garantir a protección durante a retirada de niños. Compleméntase este material coa entrega dunha carapucha de rexilla plástica que permite a visión periférica 360º e a ventilación unido ao corpo a través dunha cremalleira con dobre separador; un casco homologado axustable con viseira de policarbonato e reforzo de aluminio e protección da caluga; luvas certificadas con interior de Kevlar, unidos a manguitos de tecido con goma elástica no extremo e polainas con gomas na súa parte superior e inferior e cunha terceira goma para suxeitalo no pé.

O Concello de Noia tamén conta cunha pértega de aluminio de 27 metros de largo, dotada de 2 punteiros inxectores de distinta lonxitudes (para niños grandes e pequenos) e 2 mangueiras de tubo transparente de 15 e 28 metros, respectivamente. A maiores, contan cun sistema impulsor, bomba de accionamento manual.

Campaña de loita contra a velutina

Dende o Concello de Noia puxeron en marcha unha campaña de loita contra a vespa velutina o pasado mes de abril. Impartiuse unha charla informativa e entregáronse 200 trampas, modelo “Vespa Catch”, e 600 líquidos atraentes á veciñanza para tentar atrapar o maior número de raíñas de vespa velutina posible.