Mércores 24 de Outubro de 2018

O pleno de Noia aproba investir 357.000 euros do remanente de Tesourería a rematar as obras de rehabilitación do Casino


 

Investiranse 82.596 euros do remanente na organización da Semana Musical, das Xornadas de Exaltación do Berberecho e do Festival de Curtas, así como 705.000 euros na realización de 24 obras no municipio

Longa sesión plenaria onte noite en Noia onde, a pesar de que todas as mocións presentadas foron aprobadas por unanimidade, o seu debate estendeuse ata o punto de que o alcalde viuse obrigado a interrumpir a sesión ás 0:00 horas sen rematar sequera a quenda de mocións. Unha sesión na que se aprobou un investimento de 1,145.298 euros do remanente de Tesourería para gastos xerais para tres proxectos: un plan de 24 pequenas obras (705.049 euros), o remate das obras de rehabilitación do Casino (357.653 euros) e a financiación da Semana Musical, das Xornadas de Exaltación do Berberecho e do Festival de Curtas (82.596 euros).

Nos tres casos, o debate plenario xirou sobre a escolla da modalidade do suplemento de crédito para acometer estes investimentos. Todos os grupos da oposición optaron pola abstención nestes tres puntos (salvo o BNG que votou a favor dos investimentos en obras) argumentando que estes investimentos deberían estar recollidos nos Orzamentos de 2019, aprobados o pasado mes de xullo. O alcalde de Noia, Santiago Freire, explicou que “os señores concelleiros a teoría coñécena ben, pero a práctica é distinta. Aprobamos dous orzamentos en dous anos, cousa que non poden dicir outros se revisan os oito anos anteriores. Sabiamos cal era o remanente de tesourería e conformamos os Orzamentos atendendo aos investimentos que requirían de achegas doutras administracións. Eramos conscientes de que todos estes proxectos os poderiamos facer a través dun expediente de modificación de crédito, que é unha forma de executar o orzamento”.

Neste sentido, Freire Abeijón sinalou que o Concello “fai un uso responsable do remanente de tesourería”, que ascende a 4,1 millóns de euros e dos que 2,7 millóns se corresponden co remanente de tesourería para gastos xerais, e lembrou que “cando chegamos atopamos un Concello con 2,8 millóns de débeda e cun período de pago a provedores moi amplo, cousas que fomos corrixindo”.

Plan de obras

O pleno de Noia acordou investir 705.049,88 euros nun completo plan de melloras en materia de saneamento, camiños e sendas, locais sociais, instalacións deportivas e parques infantís nas distintas parroquias. Así, o Concello de Noia ten previsto investir 96.795,38 euros en dotar do servizo de saneamento ás aldeas de Becollo (Argalo) e A Torriña (Barro), así como outros 38.435,10 euros para o subministro e colocación de bombas de saneamento. En materia de melloras en estradas e camiños consígnanse de 222.459,43 euros para a execución de sete proxectos: acceso a Eiroa (Barro) paralelo á variante por 24.547,62 euros; construción dunha senda peonil entre punta Abruñeiras e Río do Porto; acondicionamento dun camiño en Rego do Porto (44.582 euros; 44.620 euros nun proxecto de humanización e ordenación da Praza das Américas; 25.834,47 euros para a mellora da pavimentación na rúa Outonil; 13.039,75 euros para o acondicionamento peonil nas rúas República Arxentina e San Breixo; e 45.634,9 euros en melloras no camiño e nas beirarrúas en Argote (Argalo).

O Concello investirá 39.535 euros na construción do parque infantil de Boa e 31.968,79 euros nas melloras no parque do paseo marítimo. Así mesmo, construirase unha pista de skate e zona de ocio en Labarta (48.182,2 euros), melloras no campo de fútbol de San Lázaro (47.366,12 euros), reforma do polideportivo Alonso Rodríguez (47.876,34 euros), dotación de almacén e vestiarios no polideportivo de Bergondo (11.054,91 euros) e instalación dunha pantalla no polideportivo (10.886 euros). Finalmente, resérvanse 46.725,55 euros para actuacións de mellora nos locais sociais de Boa, Ousoño, Barro e a Ponte de San Francisco; e
37.203,06 euros para un muro de escollera en Roo (para acondicionar unha zona de aparcamento); e 19.915,47 euros para obras de conservación da antiga fábrica da Chaínza.

O BNG apoiou este plan porque “as propostas son necesarias e nos teñen chegado a todos”, apuntou Irati García, quen lamentou que “queiran facer en poucos meses o que non fixeron antes”. O voceiro do NOIA, José Pérez, salientou que “son máis de 25 obras en todos os puntos de Noia e en distintos aspectos: saneamento, parques, locais sociais… e todas son obras solicitadas polos veciños”, lembrando que foron aceptadas varias solicitudes presentadas polos grupos da oposición. “As obras son urxentes e necesarias”, indicou Pérez Martínez, quen pediu a PSOE e Marea que “debemos respectar as peticións de todos os veciños”.

O voceiro de Marea, Manuel Seijas, indicou que “as obras están ben”, aínda que botou en falla orzamento para outros proxectos e criticou que se optara “por ter obriñas” e non por grandes proxectos. Finalmente, o socialista Miguel Paz criticou as obras escollidas pois “hai obras innecesarias”, en especial a do muro de contención en Roo. O alcalde de Noia explicou que a obra de Roo é necesaria “independentemente que xestións posteriores permitan ampliar a zona de aparcamento” e sinalou que “cada veciño entende como prioritario o que lle afecta, e aquí temos recollido moitas demandas da veciñanza. Hai moitas máis, ás que tentaremos dar cumprida resposta, pero estas son necesarias”.

Cultura e Casino

Así mesmo, o pleno aprobou dous suplementos de crédito coa abstención de todos os grupos da oposición, que mesmo se abstiveron á hora de incluílos na orde do día para o seu debate. O primeiro deles era para a financiación de tres actividades: a Semana Musical (9.000 euros), a Xornada de Exaltación do Berberecho (10.000 euros) e o Festival de Curtas (63.596 euros) con cargo ao remanente de tesourería. Os tres grupos da oposición insistiron en que estes investimentos deberían estar contemplados nos Orzamentos Municipais, mentres que o alcalde noiés insistiu en que “é un mecanismo lexítimo para desenvolver estas actividades”.

As mesmas argumentacións se repetiron no suplemento 2/2018, de 3578.653 euros para o remate das obras de rehabilitación do edificio do Casino, que inclúen actuacións na planta baixa e dotalo de accesibilidade.

Renuncia

O momento emotivo da sesión tivo lugar coa renuncia de Saturnino Balderrábano Mayo, cuarto tenente de alcalde e concelleiro delegado de Economía e Industria, quen renuncia á súa condición de concelleiro por motivos de saúde. “Non é grave, non vou morrer desta”, bromeou un emocionado Saturnino, quen indicou que “foi unha honra traballar polo pobo de Noia”. Balderrábano Mayo aproveitou para agradecer o traballo desempeñado polo persoal municipal, os compañeiros do Grupo de Goberno, os concelleiros e “en especial, a Santiago Freire, gran alcalde, excelente persoa e bo amigo”.

Pola súa banda, o alcalde noiés desexoulle “unha pronta recuperación. Entendemos que teña que tomar esta decisión pero queremos agradecerlle o traballo desenvolto estes anos e o seu compromiso con Noia”. Así mesmo, Freire Abeijón lembroulle que “ten abertas as portas a volver en canto te recuperes”. O concelleiro recibiu tamén o afectuoso saúdo por parte dos distintos grupos municipais (abrazos, non houbo palabras).

Mocións

Na quenda de mocións, todas saíron adiante por unanimidade. Así, a petición do BNG, o Concello de Noia aprobará no último trimestre deste ano un Plan de Emprego para dar cobertura á falta de persoal nos distintos departamentos. “Non é un problema do actual goberno, senón un tema endémico deste concello ao que hai que buscar solución”, argumentou Irati García.

O PSOE sacou adiante dúas mocións transaccionadas co Grupo de Goberno. Na primeira, os socialistas pídenlle ao Concello de Noia que elabore, no prazo de seis meses, un informe sobre as edificación de carácter ruinoso no municipio e que inicie os expedientes correspondentes, no seu caso. “É unha medida preventiva”, indicou José Manuel Lage, “o que buscamos é evitar lamentacións futuras”. Na segunda moción, solicítase que o Concello elabore un informe, no prazo de 6 meses, para comprobar se se cumpre a normativa de eliminación de barreiras arquitectónicas nas obras públicas municipais. En ambos casos, os socialistas pedían que o informe fora feito polos servizos técnicos municipais en non máis de 3 meses, prazo que dende o Grupo de Goberno consideraron imposible de cumprir.

Finalmente, a Marea Cidadá de Noia sacou adiante unha moción na que insta ao Concello de Noia “a reprobar a tardanza da Consellería do Mar na tramitación do proceso selectivo e que en vindeiras convocatorias teña en conta que o marisqueo se abre na segunda semana de setembro”, explicou Manuel Seijes, quen asegurou que 52 veciñas non se puideron incorporar á campaña do marisqueo “pola mala praxe da Xunta de Galicia, que resolveu en 4 meses e medio en vez de en 3 meses”.

Ante a negativa do voceiro municipal a aceptar calquera cambio na súa moción, o alcalde de Noia acordou aceptala, se ben fixo un completo relatorio de todo o procedemento seguido e “que provocou unha demora na Consellería. Aínda así, como o que buscamos é que esta situación non se volva repetir e se artellen mecanismos para evitalo, imos apoiar a iniciativa. Pero hai que facerlle honra á verdade”. Neste sentido, Freire explicou todo o procedemento, dende a orde do 22 de decembro de 2017 ata o listado provisional de admitidos/excluidos publicado o 20 de agosto de 2018, destacando os cambios de criterio producidos na convocatoria, para favorecer a incorporación de veciñas do municipio, e que motivaron un atraso no procedemento.

Atención a domicilio

Unha vez rematada a sesión, unha vintena de traballadoras da empresa Meu Lar, do servizo de axuda no fogar na modalidade de dependencia, pediron a palabra para interesarse sobre se o Concello ía sacar a concurso este servizo e que ía facer coas novas horas adxudicadas pola Xunta de Galicia. As traballadoras alertaron de que o propietario da súa anterior empresa, que se declarou insolvente e lles deixou a deber varios meses de soldo, constituíra unha nova firma e se presentara ante técnicos municipais, pedindo que non se lle adxudicaran horas ningunhas nin se lle permitira participar nin no concurso, vistos os antecedentes.

Ante a ausencia por vacacións da concelleira de Servizos Sociais, Marisol Ageitos, o concelleiro José Pérez confirmou que “a intención é sacar a concurso o servizo” e indicou que “farase un prego de condicións por parte dos técnicos que determinará as puntuacións para as empresas que queiran ser adxudicatarias”.

Pola súa banda, o alcalde de Noia acordou coas traballadoras “manter unha reunión coa concelleira do ramo, e se queren que eu estea presente tamén estarei, para analizar toda a cuestión”. Freire tranquilizou as presentes ao afirmar que “estades dando por feito que hai unha decisión tomada cando non é así. Coincidimos convosco en que é un servizo en precario e que hai que ver como sacalo, pero o máis prudente é ter unha reunión antes. Despois verase se se poden adoptar determinadas cautelas dende o Concello”. A reunión, a petición das traballadoras, terá lugar o vindeiro luns pola noite.