Venres 03 de Xullo de 2020

José Luís García defende no pleno da Deputación da Coruña as demandas da comunidade educativa do IES Brión


O pleno provincial aprobou, coa voto en contra do PP, unha moción de apoio ás demandas educativas do IES Brión e ás dos restantes centros da provincia afectados polos recortes da Xunta en materia educativa

O pleno da Deputación da Coruña aprobou esta mañá unha moción urxente de apoio ás demandas da comunidade educativa do IES Brión, así como as dos restantes centros da provincia afectados polos recortes da Xunta de Galicia en materia educativa, con mención tamén aos casos de Santa Comba e Santiso. Unha moción que saíu adiante cos votos a favor dos grupos propoñentes da mesma: PSOE, BNG, Marea Atlántica, Compostela Aberta e Alternativa dos Veciños; e pese ao voto en contra do Partido Popular.

O alcalde de Brión e deputado provincial, José Luís García, tomou a palabra durante a sesión para responder ao voceiro do PP, quen argumentara que a situación non era urxente e mesmo que xa estaba solucionada no caso brionés. García explicou que “a urxencia pode vela en que hoxe mesmo se están manifestando os pais e nais diante da Consellería de Educación e en que onte, día de Santa Minia, a gran festa de Brión e con máis de 10.000 vehículos que facían que para chegar ao instituto houbera que dar unha boa camiñata, pois na asemblea participaron practicamente todos os pais e nais”.

Postura mafiosa

“E de solucionado nada: só concederon un complemento de profesorado de 14 horas para manter o Programa de Mellora da Aprendizaxe e do Rendemento en 3º da ESO e outras 3 horas para inglés”, lembrou que García, quen apuntou ademais que “estas 17 horas foron concedidas coa condición de que os nenos e nenas se incorporaran hoxe ás clases e non fosen á concentración, porque do contrario retirarían a oferta. Fíxense se iso é unha postura mafiosa ou non. Hai máis que razóns que xustifican a urxencia desta moción”.

García explicoulles aos deputados provinciais que “nos últimos dez anos, o instituto de Brión conta con 180 rapaces máis. Este ano aumentan en 31 nenos e só dan 17 horas e obrigan á comunidade educativa a prescindir de asignaturas optativas, afectando á calidade educativa do noso instituto”. Neste sentido, puxo de exemplo a perda de Robótica, “cando nos últimos anos eramos o centro de referencia a nivel xa non só provincial, senón galego e incluso nacional, con múltiples distincións que avalaban o bo facer do profesorado e o alumnado de Brión”.

Finalmente, o alcalde brionés adiantou que “hoxe non puiden estar persoalmente na concentración, á que asistiu a concelleira de Ensino, pero seguiremos apoiando á comunidade educativa do IES de Brión nas mobilizacións que planifique ao longo do curso”.