Venres 03 de Xullo de 2020

Chega a San Sadurniño a mostra «Brancesc Boix, fotógrafo de Mauthausen»


A exposición inaugúrase este venres ás 19.00h. na Casa do Concello
O martes 9 haberá unha conferencia de Enrique Barrera sobre os prisioneiros da comarca no campo de exterminio e o 16 proxectarase o documental «Mauthausen, regreso ao campo da morte», dirixido en 1989 polo xornalista da TVG Manolo Torrente. Ambos días haberá visitas guiadas a partir das 18.00h.
A asociación ConcienciArte trae a San Sadurniño unha exposición impactante sobre a vida de Francesc Boix, un mozo pertencente ás Xuventudes Socialistas Unificadas que, trala guerra civil, se exiliou en Francia. Alí acabaría entrando no exército e, igual que outros españois capturados polos nazis, foi deportado ao campo de Mauthausen. Os seus coñecementos fotográficos valéronlle para ser asignado ao laboratorio do campo. Polas súas mans pasaban as imaxes coas que se documentaba o horror do exterminio, algo que o levou a ocultar centos de negativos que posteriormente serían utilizados como proba nos xuízos seguidos contra os xenocidas en Núremberg e Dachau. A súa vida e o seu legado fotográfico protagonizan unha exposición na Casa do Concello organizada por ConcienciArte en colaboración coa Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica. Inaugúrase este venres ás 19.00h. e permanecerá aberta até o 19 de outubro complementada con visitas guiadas, audiovisual e dúas conferencias. O arranque da exposición cadra coa próxima estrea do filme “El fotógrafo de Mauthausen”, onde o actor Mario Casas lle dá vida a Boix.

A mostra que se exporá en San Sadurniño está impulsada polo investigador Benito Bermejo, convidado pola asociación ConcienciArte -a través da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica- para achegar a San Sadurniño a odisea persoal de Boix, falecido poucos anos despois de ser liberado a consecuencia, segundo se cre, das secuelas do seu duro cautiverio.

Porén, a exposición tamén é indirectamente un recordatorio sobre o contexto histórico e os mecanismos desencadeantes do horror nunha época que garda certas similitudes estruturais coa actual, ao combinar unha situación de crise económica e de desencanto sociopolítico que propiciou daquela a proliferación de todo tipo de extremismos, entre eles o do fascismo populista nazi e italiano.

A inauguración da mostra sobre Boix -sobre quen este domingo se publicou unha extensa reportaxe na revista XL El Semanal- está programada para o venres 5 de outubro ás 19.00h. na Casa do Concello, con intervención de Sabela Íñiguez -Concelleira de Cultura-, Patricia Lamas en representación de ConcienciArte Cultura Colectiva e Carmen G. Rodeja, portavoz da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica. Ademais agárdase a presenza de familiares de persoas deportadas e o evento finalizará con música do grupo Na Quinta e a lectura de varios poemas.

Charla de Enrique Barrera o martes 9 ás 19.00h.
Enrique Barrera Beitía é un dos poucos investigadores que rastrexou a presenza galega nos campos de exterminio nazis. É autor do libro «Galegos en Mauthausen», publicado pola Deputación da Coruña a raíz dunha iniciativa das asociacións Fuco buxán e Memoria Histórica Democrática. Nel réndeselle tributo a aquelas persoas da comarca que sufriron o internamento nesa factoría do xenocidio na que pereceron tanto persoas xudeas como disidentes contrarias ao rexime hitleriano. Alí tamén morrerían persoas de etnia xitana, homosexuais e calquera que puxese en dúbida o proxecto expansivo dun novo imperio alemán, incluíndo prisioneiros que, coma Francesc Boix, combateron o fascismo primeiro en España e logo en Europa.

Polas mans de Boix -asignado ao laboratorio fotográfico- pasaron centos de negativos cos que se documentaba o funcionamento do complexo de Mauthausen-Gusen, auténtica fábrica de morte que debía traballar ao máximo rendemento. Nese traballo -única alternativa a unha morte segura- Francesc Boix foi quen de ir facendo acopio de instantáneas que se encargou de ocultar ata a liberación do campo. As imaxes serían probas fundamentais nos xuízos que, acabada a guerra, se seguiron en Nuremberg e Dachau contra os criminais nazis.

Estímase que arredor de 9.000 persoas españolas foron deportadas a campos de concentración. 179 eran galegas e hai constancia de que 106 non sobreviviron ao exterminio. Das comarcas de Ferrolterra, Eume e o Ortegal, Enrique Barrera contabilizou 22 prisioneiros internados en Mauthausen dos que só 9 saíron con vida. A maior parte deles quedaron vivir en Francia trala liberación, aínda que tamén houbo quen regresou a España nos últimos anos da dictadura.

«Mautahusen, regreso ao campo da morte», de Manolo Torrente, o martes 16
Dentro da exposición sobre Francesc Boix, o fotógrafo de Mauthausen, a Asociación Concienciarte Cultura Colectiva tamén organiza o visionado da peza «Mauthausen, regreso ao campo da morte», dirixida en 1989 polo xornalista orixinario da Coveluda, Manolo Torrente.

O documental cobra un grande valor co paso dos anos, posto que Torrente artella unha historia sobre o complexo de exterminio nazi a partir dos testemuños de dous dos seus supervivintes galegos: o verinés Joaquín Balboa e o lugués Enrique Doval. Ademais, as referenzas audiovisuais que en España abordaron o tema son todas de moitos anos despois, polo que Manolo Torrente -e a TVG- poden ser considerados pioneiros na recuperación da memoria histórica sobre a cuestión.

Torrente asistirá á proxección -19.00h., Casa do Concello- e entablará un diálogo co público asistente, ao que tanto este martes como o anterior se lle ofrecerá unha visita guiada pola exposición a partir das 18.00h.