Mércores 24 de Outubro de 2018

O bo tempo e a música animaron o penúltimo mercado local do ano en San Sadurniño


Durante a mañá deste domingo tamén se levou a cabo a xornada de limpeza dun tramo do Xubia, onde se recolleron 100 quilos de refugallos
Tal e como se agardaba, a xornada deste domingo trouxo sol e boa temperatura. Condicións ideais para andar por fóra gozando das raiolas deste arranque do outono. San Sadurniño ofertou tres actividades para a primeira metade do día, todas relacionadas entre si tomando como referencia espacial os xardíns municipais. Alí houbo mercado local -o penúltimo do ano- animado pola Batuko Tabanka de Burela e, ademais, tamén foi ese o lugar elixido como punto de saída e chegada da expedición de limpeza dun tramo do río Xubia dentro da campaña “Móllate polos ríos” de Adega. As quince persoas participantes conseguiron retirar do cauce arredor dun cento de quilos de refugallos.

No mercado estaban inscritos un total de 38 postos, aínda que finalmente foron 40 os que asentaron nos sendeiros do parque. Se ben o número de solicitudes non foi o máis elevado, desde Desenvolvemento local comentan que o mercado deste 30 de setembro contou cunha boa afluencia de público á procura de produtos alimentarios de temporada, artesanía e tamén artigos de segunda man e outras curiosidades.

Alén da oferta comercial, o evento tamén ofrecía o atractivo da música da Batuko Tabanka nacida en Burela no seo da comunidade caboverdiana asentada no municipio mariñao. Repasaron durante tres cuartos de hora de actuación boa parte do seu repertorio, onde se combina a música vocal coa peculiar percusión manual sobre un anaco de coiro. Sons crioulos froito da mestura da cultura lusófona coa creación ancestral africana, que levan convivindo séculos no arquipélago atlántico. A actuación chegou a San Sadurniño gracias á colaboración do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

<img class=”size-full wp-image-6620″ src=”http://sansadurnino.gal/wp-content/uploads/2018/10/mollarios.jpg” alt=”Durante a mañá tamén se retiraron 100 quilos de refugallos do Xubia” width=”720″ height=”480″ /> Durante a mañá tamén se retiraron 100 quilos de refugallos do Xubia

A mañá do domingo tamén ofreceu as condicións perfectas para levar a cabo a iniciativa ambiental de limpar as ribeiras do Xubia. Ao chamamento do Concello e de Adega acudiron quince persoas. Percorreuse o tramo comprendido entre a EDAR de Cornide e o paseo fluvial recollendo da auga e das raigadas todo o que non debería estar alí, principalmente plásticos e latas.

A actividade comezou ás 10.30h. no recinto do mercado, onde o Concello tiña instalado un pequeno posto sobre reciclaxe e sobre a correcta separación en orixe do lixo. Despois de trasladarse ao punto de inicio da limpeza e de completar o traballo -que se saldou coa retirada de arredor de 100 quilos de resíduos- o grupo volveu ao entorno da casa consistorial para repoñer forzas cuns petiscos e desfrutar dos últimos compases do mercado.