Martes 11 de Decembro de 2018

O Castelo de Narahío soprará 40 candeas este sábado


 

O pasado 21 de setembro fixéronse os 40 anos desde que o Goberno Civil da Coruña autorizase a constitución da asociación veciñal de Naraío, aínda que non sería até o mes de novembro de 1978 cando se formou a súa primeira xunta directiva. A entidade -que ten na actualidade arredor de 150 socios e socias- vai celebrar o aniversario este sábado, organizando para iso unha ruta cultural aberta ao público -saída ás 10.00h.- na que se percorrerá o tramo do sendeiro do Castro comprendido entre a Fonte de San Roque e o castelo. Ademais, ao serán tamén se inaugurará unha pequena mostra sobre as catro décadas de historia da entidade e celebrarase un encontro de confraternidade ao que están convidados os membros da entidade. Non será a única proposta veciñal da fin de semana, posto que en Santa Mariña tamén haberá unha churrascada ese mesmo día e o domingo Xuntanza de Lamas vai de excursión á feira de Vilalba e ao San Froilán.

A ruta que organiza O Castelo de Narahío para o sábado da mañá é gratuíta e para participar nela abonda con chamar ao 981 490 302 e estar no punto de partida á hora sinalada. Comezará na fonte de San Roque, situada a escasos metros do adro da igrexa parroquial, e desde alí percorrerase un itinerario que fará a súa primeira parada no templo para proseguir despois ata a ponte medieval e o “porco” da Ferraría. Nese punto conectará co sendeiro do Castro e proseguirá até as fervenzas de Riolimpo -un dos puntos de referencia do Proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal-, parando no percorrido para ver muíños e outros elementos do patrimonio civil na compaña do historiador Eloi Saavedra.

A ruta finalizará sobre as 12 ou 12.30h. no castelo onde, ademais de coñecer a súa historia, tamén se lle explicará ás persoas participantes en que consistirá a próxima intervención que se ten previsto efectuar na fortaleza para rematar a súa consolidación e facela visitable. Do pasado do castelo falará Saavedra, mentres que do proxecto de consolidación dará conta o arquitecto José Antonio Alonso, responsable das últimas obras e tamén das que comezarán en breve financiadas pola Deputación da Coruña e o Concello con participación da Xunta de Galicia.

A programación dos 40 anos d’O Castelo de Narahío continuará a iso das 20.30h. no local social da Veiga cun encontro con convite previo para socios e socias no que se inaugurará unha pequena mostra gráfica composta por 8 paneis que repasan algúns dos fitos máis importantes da historia da entidade. Con motivo da cita tamén se servirán uns petiscos aos que xa foron convidados a semana pasada todos os socios e socias, a quen se lle pediu que confirmasen a asistencia antes deste xoves a través dos teléfonos facilitados pola organización.

Churrascada en Santa Mariña do Monte
Santa Mariña do Monte celebra ao pé do local social unha grande churrascada con sesión vermú e festexada nocturna animada polo grupo Alma Latina. Quen queira ir botar un baile pode facelo, pero se alguén desexa degustar o menú deberá inscribirse o antes posible chamando ao 630 811 062 ou 699 374 094.

O prezo do prato son 12€ e a rapazada menor de 8 anos poderá xantar gratis. A sesión vermú comezará ás 13.30h.

Viaxe ao San Froilán da veciñanza de Lamas
Pola súa banda, a asociación veciñal Xuntanza de Lamas proponnos ir o domingo ao San Froilán, aínda que facendo unha pequena parada en Vilalba para dar unha volta pola súa concorrida feira.

O prezo da viaxe son 10€ para as persoas socias e 15€ as non socias. A cativería menor de 14 anos só deberá poñer 6€. Neles non está incluída a comida, xa que cadaquén deberá buscar onde xantar en Lugo, xa sexa nalgunha das casetas do polbo ou en calquera dos restaurantes e tascas que hai na cidade.

Sairase de diante de Casa Castrillón ás 9.00h. e a volta está prevista para as 21.00h. ao mesmo sitio.

Para consultar se aínda queda algunha praza dispoñible no autobús hai que chamar ao 637 837 541 ou ao 664 203 738. Tamén se lle pode enviar un correo á asociación: avvlamas@gmail.com.