Mércores 24 de Outubro de 2018

O Concello de Noia saca a licitación por 109.000 € a instalación de sendas caldeiras de biomasa no Conservatorio e no Coliseo Noela


 

O Concello de Noia vén de sacar a licitación a contratación, por procedemento aberto simplificado e tramitación ordinaria, do subministro para a instalación de dúas caldeiras de biomasa no Coliseo Noela e no Conservatorio Municipal de Noia. Unha licitación que ascende a 109.169,83 euros (IVE incluído) e na que o Concello de Noia conta cunha subvención concedida polo Instituto Enerxético de Galicia, no marco do programa operativo FEDER-Galicia 2014/2020.

O contrato está estruturado en dous lotes: instalación de caldeira de biomasa no conservatorio de Noia por 54.521,39 euros (IVE incluído) e instalación de caldeira de biomasa no Coliseo Noela, por 54.648,44 euros (IVE incluído). O prazo de presentación de ofertas estará aberto ata o vindeiro 16 de outubro, mentres que o prazo de instalación das caldeiras será de 10 días hábiles a contar desde o día seguinte á data de sinatura do contrato.