Mércores 24 de Outubro de 2018

O Bono Social Eléctrico poderá seguir solicitándose despois do 8 de outubro, aínda que con condicións distintas


 

O Concello de San Sadurniño e a Fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña (FAEPAC), ante as noticias erróneas emitidas polos medios de comunicación masivos, informa á veciñanza de que poderá seguir solicitando o bono social eléctrico a partir do 8 de outubro. Esta data marca unicamente o último día no que poderán renovar o bono social aquelas familias que xa se beneficiaban del. Chegado ese día, nos casos en que non se solicite a renovación simplemente se deixará de percibir o desconto na factura eléctrica durante o tempo que transcorra ata que as persoas beneficiarias tramiten de novo o bono social e lles sexa aceptada a petición.

Segundo datos da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC), a finais de xullo só 650.000 persoas usuarias solicitaran o novo bono social, fronte aos 2,5 millóns de clientes que se beneficiaban do antigo, polo que se anima a aquelas persoas que aínda non o fixeran a que consulten se poden acollerse ao novo modelo.

As condicións para solicitar este novo bono social modificáronse, polo que moitas unidades familiares que gozaban do antigo agora non poderán obter os descontos. Por exemplo, segundo datos da CNMC, había 1,8 millóns de persoas que contaban automaticamente co dereito ao bono social por ter unha potencia contratada inferior a 3 Kw, unha condición que agora desaparecerá, pasando a utilizarse unicamente o nivel de renda como criterio de asignación.

Para recibir asesoramento gratuíto sobre esta cuestión pódese acudir ás oficinas da Fundación Axencia Enerxética Provincial dá Coruña (FAEPAC) nas Pontes e Cerceda, que xa tramitaron un total de 102 solicitudes directas cun 99% de éxito e un aforro medio de 112 euros por solicitude.

Ademais, dentro da web de FAEPAC hai un espazo adicado ao bono social con toda a información relativa aos procedementos de solicitude. Así mesmo pódese solicitar asesoramento a través do teléfono 981 102 111 ou ben a través do correo electrónico consultas@faepac.gal.