Mércores 11 de Decembro de 2019

A hixiene postural, última charla do programa Cuidadanas


 

O Centro de Información á Muller (CIM) da Mancomunidade de Ordes vén de anunciar a última das sesións do programa Cuidadanas, a cal terá lugar mañá venres, 5 de outubro, de 10 a 12 horas no local social situado na rúa Reconciliación. O tema a tratar será o da hixiene postural co fin de aprender a manter posturas adecuadas no coidado de persoas dependentes e na vida cotiá. As persoas interesadas en asistir poden anotarse nas oficinas situadas nos baixos da alameda, ou ben chamando ao 981 680 002.

Neste sentido a semana pasada o tema que se abordou foi o da historia das mulleres ao longo do tempo. A sesión tivo lugar na Casa da Cultura e a ela asistiron unha ducia de mulleres.

Cuidadanas é un proxecto levado a cabo pola Fundación Mujeres en colaboración co CIM de Ordes. Entre os seus obxectivos máis inmediatos están os de facilitar información sobre o Servizo de Apoio Integral a Coidadoras (SAIC) e sobre outros servizos e recursos existentes de interese; ofrecer asesoramento individualizado e seguimento continuo de cada caso; prestar apoio psicolóxico e emocional; mellorar as estratexias de autocoidado; facilitar o acceso ás novas tecnoloxías e ás comunidades en liña; fomentar a corresponsabilidade na cidadanía e promover a formación de redes de apoio mutuo entre coidadoras; fomentar a activación persoal, sociocultural e laboral das coidadoras; promover o voluntariado; ensaiar a creación de distintas medidas de apoio á conciliación; e sensibilizar ao persoal sociosanitario do ámbito da dependencia sobre os factores de xénero que inflúen na cidadanía.