Mércores 24 de Outubro de 2018

Feijóo incide na necesidade de flexibilizar e axilizar a creación de novas prazas MIR para incrementar o número de pediatras na comunidade


Lembra o esforzo que desde a Xunta se está a facer para dotar de recursos á formación especializada e que fixo posible que este ano se realizase a maior oferta de prazas MIR dos últimos anos
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, incidiu na necesidade de que o Ministerio de Sanidade flexibilice e axilice o proceso de acreditación de prazas de novo ingreso de formación especializada en Pediatría, que permita incrementar a oferta e os profesionais para a contratación de máis pediatras na Comunidade.

Durante o acto de inauguración do III Congreso SEFSE-AREDA da Sociedade Española de Formación Sanitaria Especializada, Feijóo lembrou o esforzo que desde o Goberno galego se está a facer para dotar de recursos á formación especializada. Un esforzo que fixo posible que este ano se realizase a maior oferta de prazas MIR dos últimos anos, con 404 prazas, aumentando a 105 as prazas para médico de familia, sete máis en 2017.

Neste mesmo eido, destacou o obxectivo de ordenar a formación sanitaria especializada en Galicia a través dunha norma que elaborará, o vindeiro ano, a Axencia Galega para o Coñecemento en Saúde (ACIS), e na que se abordarán, aspectos estruturais, ademais do nomeamento, funcións e recoñecemento de todas as figuras docentes implicadas.

O responsable do Executivo autonómico referiuse tamén á publicación o 30 de xullo do Acordo sobre as bases da carreira profesional no Sergas; ao desenvolvemento dun Plan de Formación específico para titores de residentes; e ao impulso da Rede de Comisións de Docencia de Galicia, cuxo obxectivo é promover todas aquelas actividades destinadas a mellorar a formación de especialistas en ciencias da saúde. “ E estamos desenvolvendo unha plataforma autonómica para a xestión da formación sanitaria especializada que sirva de soporte aos profesionais sanitarios”, engadiu.

Logo de subliñar que en Galicia se forman actualmente máis de 1600 especialistas, titorizados por aproximadamente 525 profesionais, Feijóo aseverou que Compromiso humano innovador son tres palabras que describen o gran reto diante do que se atopa a formación de especialistas en ciencias da saúde.

“Hoxe o paciente está máis informado ca nunca e participa activamente en todos os procesos. E por iso, é imprescindible crear nos residentes a vocación de abordar aos pacientes de maneira integral atendendo a principios éticos que respecten a súa dignidade, intimidade e autonomía e mellorando a comunicación”, abundou, facendo fincapé na importancia de humanizar a actividade asistencial.

Así mesmo, aseverou que a formación se converte nun espazo por excelencia para a innovación, subliñando a importancia das TIC e as súas posibilidades para impulsar novas formas de aprender.

O titular da Xunta quixo agradecer unha vez máis o traballo e a profesionalidade de todo o persoal do Sergas e incidiu en que os galegos fomos capaces, durante a crise, de facer unha sanidade pública con máis hospitais, máis centros de saúde, máis tecnoloxía e con máis actividade.