Mércores 24 de Outubro de 2018

O Club Camaléon da Biblioteca Municipal de Brión inicia unha nova etapa, con actividades de animación todos os sábados do mes


 

Trátase dunha actividade de animación á lectura gratuíta para nenos e nenas de 3 a 8 anos de idade, acompañados por unha persoa adulta

O Concello de Brión retoma un ano máis as actividades do Club Camaleón, unha actividade de animación á lectura da Biblioteca Municipal de Brión dirixida a nenos e nenas de 3 a 8 anos de idade acompañados dun adulto. Unha iniciativa que este ano chega cheo de novidades, debido ao seu éxito durante o curso pasado.

A primeira delas vai ser a periodicidade da actividade, que pasa de mensual a semanal. Así, a partir do día 20 de outubro e ata finais de ano, todos os sábados terá lugar unha sesión do Camaleón na biblioteca municipal. Unhas sesións que comezarán ás 12:00 horas e rematarán, aproximadamente, ás 13:15 horas na sala infantil da biblioteca.

A rapazada estará a cargo dun novo equipo de monitores/as que tratarán de achegar de forma lúdica aos máis pequenos ao mundo dos libros, potenciando a lectura colectiva e individual, así como a súa creatividade, organizando tamén obradoiros artísticos-creativos. As inscricións son totalmente de balde, polo que as persoas interesadas en participar xa poden tramitala persoalmente na biblioteca ou chamando ao teléfono 981 50 99 69 (luns-venres, de 16 a 22 horas; sábados de 9 a 14 horas).