Mércores 24 de Outubro de 2018

Enrique Barrera ofrece esta tarde en San Sadurniño unha charla sobre os nomes da comarca que acabaron en campos de concentración alemáns


A charla comezará ás 19.00h. na Casa do Concello, onde permanece aberta unha mostra sobre Francesc Boix, fotógrafo de Mauthausen
Enrique Barrera Beitía é un dos poucos investigadores que rastrexou a presenza galega nos campos de concentración e exterminio nazis. É autor do libro “Galegos en Mauthausen”, publicado pola Deputación da Coruña a raíz dunha iniciativa das asociacións Fuco Buxán e Memoria Histórica Democrática. Nel réndeselle tributo a aquelas persoas da comarca que sufriron o internamento nas factorías do xenocidio alemán nas que pereceron tanto persoas xudeas como disidentes contrarias ao rexime hitleriano. Alí tamén morrerían persoas de etnia xitana, homosexuais e calquera que puxese en dúbida o proxecto expansivo dun novo imperio alemán, incluíndo prisioneiros que, coma Francesc Boix, combateron o fascismo primeiro en España e logo en Europa.

Boix, como fotógrafo que era, foi asignado ao laboratorio do complexo de Mauthausen-Gusen. Polas súas mans pasaban centos de negativos con imaxes do funcionamento do campo, auténtica fábrica de morte que debía traballar ao máximo rendemento. Nese traballo -única alternativa a unha morte segura- Francesc Boix foi quen de ir facendo acopio de instantáneas que se encargou de ocultar ata a liberación do campo. As imaxes serían probas fundamentais nos xuízos que, acabada a guerra, se seguiron en Nuremberg e Dachau contra os criminais nazis.

Estímase que arredor de 9.000 persoas españolas foron deportadas a campos de concentración. 179 eran galegas e hai constancia de que 106 non sobreviviu ao exterminio. Das comarcas de Ferrolterra, Eume e o Ortegal, Enrique Barrera contabilizou 22 internadas en Mauthausen das que só 9 saíron con vida. A maior parte deles -todos homes- quedaron vivir en Francia trala liberación, aínda que tamén houbo quen regresou nos últimos anos da dictadura:

-Juan José Casal Chao, de Fene
-Víctor Manuel Ares Arias, de Ares
-Joaquín Castiñeira Díaz, nado en Ortigueira
-Vicente Criado Gabeiras, nado en Ferrol
-Alfonso López Yáñez, nado en Panamá pero de pais de Ortigueira
-Jesús Morgade Feal, de Mugardos
-Marcelino Pardal Pouso -Exfutbolista do Rácing de Ferrol
-Bernardo San Martín Fernández

Destes nomes e do horror vivido nos campos de concentración falará Enrique Barrera esta tarde a partir das 19.00h. na Casa do Concello de San Sadurniño. A charla irá precedida dunha pequena visita guiada pola exposición sobre o fotógrafo de Mauthausen.