Luns 16 de Setembro de 2019

Remata en San Sadurniño unha ponte cargada de actividade


Os próximos días tamén veñen cheos de propostas de axenda
Acabamos de pasar unha fin de semana de outono marcada polo vento, pola auga e, no caso de San Sadurniño, tamén por unha boa presada de actividades. O festivo do venres ampliou a tres os días de descanso e xa nesa mesma xornada tivemos como evento principal organizado polo Concello o remate dos Venres en Sansa!, programa dirixido á mocidade que ofertou unha grande ruta BTT nocturna, baile moderno e parkour. O sábado a actualidade municipal estivo marcada pola estrea épica do Aldebarán-Intasa na Superliga de volei recibindo ao Río Duero Soria nun encontro de infarto con victoria local. E para os próximos días, máis propostas. As máis destacadas do calendario cultural serán a X Xornada de Cultura popular galega do sábado organizada polos Berros do Castro, o remate da exposición sobre Francesc Boix, o fotógrafo de Mauthausen, e o inicio do outono teatral o domingo ás 19.00h. con «Será por camiños».

Antes de meternos no recordatorio das citas que están por vir cómpre resumir o que deron de si tanto o Venres en Sansa! como o partido do Aldebarán. Vaiamos por orde.

O programa de lecer alternativo para a xente nova comezou pouco despois das 19.00h. do venres coa ruta BTT organizada por Biela e Chaveta en colaboración co Concello á que se apuntaron 80 ciclistas de toda a volta unidos pola súa querencia polas bicis todoterreo, pola lama e polos desafíos de corredoira. A quedada tiña dúas partes, unha integrada nos Venres en Sansa! -gratuíta e de curto percorrido- e outra de 32 quilómetros en total e 10€ de inscrición dos que unha parte ían para a Asociación Cometa, que traballa na recollida, coidado e entrega en adopción de cans abandonados.

O percorrido iniciouse ás 19.30h. saíndo do patio do CPI para encarar logo o paseo fluvial e, desde alí, subir ata Igrexafeita por pistas forestais para baixar logo a Ferreira e Moeche -punto onde se produciu o único incidente reseñable, aínda que sen consecuencias- e emprender a volta por carreiros de Lamas ata chegar de novo ao colexio, algo que algúns lograron facer cerca das 21.00h. mentres que a maioría foi chegando aos poucos en pequenos grupos ata preto das 11 da noite.

Mentres remataba a ruta BTT, a Casa da Cultura e o seu entorno acollían unha sesión de baile organizada en colaboración con Brío e tamén unha clase de iniciación ao parkour, que é un deporte urbano onde se exercitan brazos, pernas e equilibrio salvando todo tipo de obstáculos urbanos. Nestas dúas actividades participaron unha vintena de rapazas e rapaces.

O Aldebarán lanza un aviso a navegantes
O sábado o foco informativo estivo na estrea do Aldebarán Intasa San Sadurniño na máxima categoría do volei estatal. O equipo local recibiu ao Río Duero Soria, formación veterana na competición e unha das que sempre queda na metade superior da táboa.

O pavillón municipal rexistrou unha boa entrada coa expectativa de ver un bo partido, aínda que ninguén agardaba o grande espectáculo que ambas formacións ofrecerían durante máis de dúas horas e media. Os dous primeiros sets foron para os visitantes, o primeiro cun incontestable 16-25 e o segundo cun xa máis apretado 23-25.

Con 0-2 no marcador, os sorianos celebraban cada tanto coma se o partido fose ser un paseo triunfal na cancha do recén chegado á categoría. Pero os plans non tardaron en fallarlles e o terceiro set foi unha demostración de efectividade coa que o Aldebarán lles deu unha labazada de realidade: 25-19. E non pararía aí a cousa, xa que o cuarto set -de auténtico infarto- resolveuse de novo en favor da escuadra azul por 26 a 24.

Chegados ao 5º e definitivo set, o Aldebarán marcou un ritmo que os visitantes foron quen de seguir ata o punto de soprarlles na caluga. Con 13 a 12 no marcador, os árbitros aínda cargarían máis de tensión os compases finais do partido ao non poñerse de acordo sobre como debía materializarse un dobre cambio solicitado polo San Sadurniño. Finalmente só autorizaron a entrada de Uxío no sitio de Baranov. O capitán sacou, os contrarios volveron o balón e Kobzev bloqueouno mandándoo ao final da pista. 14-12, saca de novo Uxío, o balón volve ao campo local e é o propio capitán quen salva o punto in extremis bicando a pista. O Soria é capaz de recollelo e facer que pase de novo a rede, onde machaca Fran Fernández forzando que un Río Duero Soria, completamente desarmado, marre a devolución botando o esférico fóra e dándolle a victoria ao Aldebarán.

No resultado final foi vital o apoio da bancada e, principalmente, a capacidade de adaptación do cadro de Charly Suárez, que foi evolucionando a medida que avanzaba o xogo para corrixir erros e adiantarse á estratexia visitante. O partido tamén serviu para ratificar a configuración dun equipo que acaba de dicir «estamos aquí e vimos para quedar». E non o dicimos nós debido á paixón -aínda que tamén-, senón que o refrendan as estatísticas da fin de semana de arranque ligueiro con dous nomes entre os mellores xogadores da xornada: Marcos Piñón «Pakito», número un como líbero, e Kobzev como mellor central, destacando tamén os datos do canteirán Marcos Blanco.

Inxección de optimismo e confianza para o Aldebarán-Intasa San Sadurniño, que comeza pisando forte na Superliga, pero que tamén aprendeu neste primeiro partido algo que xa intuía: xogar en primeira esixe dar o 100% en cada encontro. O domingo ao mediodía, nova proba na casa do Barça.

As citas dos próximos días
Tras esta fin de semana extralonga do Pilar véñennos aí uns cantos días cheos de máis propostas. A primeira cita témola este martes a partir das 18.00h. na galería da Casa do Concello coa segunda -e última- visita guiada pola exposición «Francesc Boix, fotógrafo de Mauthausen», seguida ás 19.00h. da proxección do documental «Mauthausen, regreso ao campo da morte». A peza dirixiuna en 1989 o xornalista da TVG Manuel Torrente -por certo, natural da Coveluda-, quen presentará o pase e manterá ao seu remate un encontro co público asistente. A organización corre por conta da asociación ConcienciArte e a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica.

O venres tamén comeza ás 18.30h. na Casa da Xuventude a serie de charlas sobre agroecoloxía organizadas pola asociación A Cortiña para outubro e novembro. Coñeceremos o proxecto empresarial Trasdeza Natur, centrado na produción, deshidratación e venda de horta e froita “bio”, premiada pola AGADER como exemplo de innovación tecnolóxica no campo alimentario.

Por outra banda, o sábado -día 20- A Asociación folclórica Berros do Castro e mailo Concello volven colaborar na organización dun día dedicado á nosa cultura musical. A X Xornada de Cultura popular galega réndelle homenaxe nesta edición á formación ferrolá Raparigos polo seu 50º aniversario. Eles serán protagonistas dunha mostra situada na Casa da Cultura que xuntará durante todo o día imaxes, documentos e instrumentos.

Ademais desta exposición, a xornada contará cunha parte formativa durante a mañá e a tarde arredor das técnicas interpretativas da gaita. Dela ocuparase o mestre Xaquín Xesteira “Xocas”, gaiteiro en Treixadura e tamén n’Os Faíscas de Solobeira, que actuarán a partir das 20.00h. xunto coa agrupación folclórica Donaire, procedente da Coruña. O propio Xesteira será quen se encargue de abrir a parte musical repasando para o público os contidos tratados no curso incluído na xornada.

Tanto a exposición como os concertos da tarde son gratuítos. Porén, para o curso impartido por Xesteira fai falla inscrición previa a través do correo berrosdocastro@gmail.com ou dos teléfonos 669 795 418 e 626 140 798.O prezo son 15€ e ofértanse 20 prazas das que xa faltan moi pouquiñas por cubrir.

O calendario cultural municipal desta semana pecharase o domingo ás 19.00h. tamén na Casa da Cultura coa obra «Será por camiños», da Escola de Teatro de Narón. Trátase dunha comedia ambientada no século XIII co escenario do camiño de peregrinación a Santo André de Teixido.

A peza, dirixida por Celia González, está escrita por Jose Pieto e Manuel Areoso. É apta para todos os públicos e chega á Casa da Cultura de San Sadurniño dentro da Rede Cultural da Deputación da Coruña. O prezo xeral da entrada son 5€, mentres que as persoas menores de 16 anos, maiores de 65 e posuidoras do Carné Xove só terán que pagar 2,50€.

Por último, a asociación ConcienciArte tamén nos achega unha cita de axenda para o domingo ás 17.00h. no seu local de Silvalonga. Farán unha introdución aos equilibramentos enerxéticos como método de relaxación e de fortalecemento do corpo e da mente. O docente será Manel Pardo e a actividade ten un prezo de 40€. Para inscribirse hai que contactar directamente con Pardo no 678 002 848.