Luns 19 de Novembro de 2018

A Xunta e CASCO traballan pola integración das persoas en situación de exclusión social e afectadas polo SIDA da Coruña


Parrado percorreu as instalacións, onde se ofrece o servizo punto de calor para cubrir as necesidades básicas dos usuarios, así como o programa ‘Sexpoint’ de educación sexual
O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, realizou esta mañá unha visita ao centro de atención social continuado do Comité Ciudadano Anti-SIDA (Casco) no que tamén mantivo unha reunión de traballo coa que coñeceu de primeira man as necesidades e proxectos da entidade.

Estas instalacións acollen o servizo “punto de calor”, destinado a persoas sen teito ou en situación de exclusión social. A súa finalidade é cubrir as necesidades destas persoas, proporcionándolles comida, facilitándolles o aseo persoal, servizo de lavandería, asesoría xurídica e social ou clases de competencias clave entre outros. Este mesmo centro ofrece aos seus usuarios o programa Sexpoint de educación sexual.

A Xunta de Galicia apoia varios programas realizados por Casco, que concorre anualmente á convocatoria de axudas destinada a entidades de iniciativa social. Na convocatoria 2017-2018, Casco recibiu máis de 440.000 euros. Desta suma, o centro que o director xeral visitou hoxe recibiu 39.600 euros. O montante restante destinouse aos outros dos centros de acollida especializada da entidade e á adquisición de material informático.

Arturo Parrado gabou o labor de Casco Coruña que nos seus inicios comezou a traballar na loita contra o SIDA pero na actualidade tamén dedican o seu tempo á integración social de persoas en situación de risco ou exclusión social. O director xeral tendeu a súa man a continuar a colaboración coa entidade porque “só traballando en coordinación con eles poderemos acadar o obxectivo de inclusión plena e real de todos os galegos e galegas”, afirmou.

A Xunta de Galicia incrementou os seus orzamentos en materia de inclusión social en case 10 millóns con respecto ao ano 2017, polo que neste ano a partida destinada a esta fin ascende aos 115,2 millóns de euros.