Luns 19 de Novembro de 2018

En marcha a transformación da avenida Marqués de Figueroa


 

O principal eixo de comunicación do centro urbano de San Sadurniño, a avenida Marqués de Figueroa, está en obras. Alomenos a parte comprendida entre o colexio público e a estrada de Ortigueira, onde desde hai varios días están desenvolvéndose xa os traballos de substitución das beirarrúas. O proxecto está financiado con cargo ao POS+ Adicional 2017 e nel invístense algo máis de 45.000 euros. Porén, o cambio máis radical na rúa notarase cunha segunda intervención acollida ao plan provincial deste ano que o Concello acaba de adxudicar por valor de 203.690 euros e que consistirá no aglomerado de todo o trazado da avenida e a súa reurbanización ata o Campo da Feira. O obxectivo de ambas obras é mellorar a accesibilidade e tamén a seguridade tanto para vehículos como para viandantes.

O contrato adxudicóuselle a Prace Servicios y Obras SA con carácter provisional -a empresa deberá achegar documentación nos próximos días- e forma parte do paquete do POS+ 2018 co que se levará a cabo un dos proxectos máis ambiciosos dos últimos anos: a renovación do firme en toda a avenida Marqués de Figueroa, desde a súa conexión coa estrada de Ortigueira ata o Campo da Feira, así como a substitución das beirarrúas desde o CPI ata máis alá da Capela do Belén.

En todo ese trazado aplicarase unha nova capa de rodadura a base de microaglomerado asfáltico dotada de equipamento redutor de velocidade. Tamén se cambiarán as beirarrúas deixando espazo para a plantación de case unha trintena de árbores, ademais de aproveitar a obra para colocar pantallas de madeira que oculten e protexan os colectores do lixo.

O deseño inclúe a delimitación do tráfico ao pé da capela -onde conflúen a pista do Enxerto e a dos Currás- e incluso se contempla a prolongación das beirarrúas xusto ata a saída norte do núcleo urbano, tanto en dirección a Lamas como en dirección a Silvalonga.

A licitación cifrouse en 240.000 euros e o Concello recibiu catro propostas técnicas. A de Prace Servicios y Obras S.A. foi a que obtivo maior puntuación durante o proceso de avaliación por parte da Mesa de Contratación. Entre as cuestións puntuables estaban tanto as técnicas -redución de prazos, plan ambiental, etc.- como as de responsabilidade social, como por exemplo ter implantado un plan de igualdade, os datos sobre estabilidade laboral ou os relativos á proporción de mulleres traballando na empresa con respecto ao número de homes, nun sector que é predominantemente masculino.

Malia que para que o comezo destas obras aínda falta que a adxudicación sexa definitiva -algo que non debería demorarse máis aló duns días-, os traballos en Marqués de Figueroa xa comezaron a semana pasada con cargo a outro proxecto financiado co POS+ Adicional de 2017, a través do que se executarán as beirarrúas do tramo comprendido entre o colexio e o cruzamento coa AC-862, xusto diante da Casa do Concello.

Trátase da zona que máis tráfico rodado e peonil soporta, posto que é pola que se serve o Centro de Saúde, a Casa da Cultura e o CPI. Sen variar o ancho substituiranse plaquetas, farase un novo firme para eliminar irregularidades e tamén se acometerán rebaixes que faciliten o paso de persoas que se movan con dificultade. Do proxecto encárgase a construtora José No Mantiñán e Hijos por 45.324 euros e, malia tratarse dunha obra separada da adxudicada hai escasos días, manterase a unidade do deseño en todo o percorrido.

O obxectivo de ambas obras -que supoñen un investimento global próximo aos 250.000 euros- é “mellorar a accesibilidade, a seguridade peonil e tamén a do tráfico rodado” xunto coa “renovación do aspecto xeral do centro urbano”, tal e como sinalaba esta mañá Secundino García. O rexedor local lembra tamén que o Concello prevé iniciar en breve o proceso de contratación dun terceiro proxecto para a apertura dunha nova rúa que comunique o colexio público co Centro de Saúde pasando por diante do cemiterio, co que “quedará lista a reparación da totalidade da trama urbana do centro de San Sadurniño, despois de ter executado o ano pasado o aglomerado e as beirarrúas da pista do Enxerto”.