Venres 27 de Novembro de 2020

Ovidio Rodeiro destaca que os novos convenios da Consellería de Cultura e Turismo para a mellora da accesibilidade e sinalización deixarán 78.000 euros na comarca do Barbanza


Este ano, ampliáronse os conceptos subvencionables, incluíronse actuacións de embelecemento dos accesos, das contornas, dos Bens de Interese Cultural, xa declarados ou en proceso de selo e iniciativas de posta en valor turístico

A Consellería de Cultura e Turismo investirá este ano 78.000 euros na comarca do Barbanza ao abeiro dos novos convenios da Consellería de Cultura e Turismo que ten como finalidade o fomento da accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos no medio rural de cara á consolidación da oferta turística nas zonas rurais a través da posta en valor da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística.

Na comarca do Barbanza un dos proxectos máis relevantes será o proxecto de sinalización e mellora da accesibilidade aos recursos turísticos da Pobra do Caramiñal.

Ademais, levarase a cabo o aparcadoiro de autocaravanas en Lariño cun investimento de 33.200 euros.

Cómpre lembrar que o Goberno galego ampliou este ano os fondos dirixidos a concellos, mancomunidades ou xeodestinos, entre outros, co obxectivo de afondar na colaboración coas administracións locais e mellorar as infraestruturas turísticas a través do seu embelecemento, a mellora da sinalización ou da accesibilidade, principalmente. Así, a liña para potenciar estes recursos incrementouse ata os 2,8 millóns de euros. Ademais, mentres que ata agora procedían de fondos europeos, agora pasan a ser fondos propios.

A esta nova inversión que se fará nesta área, a través destes convenios, hai que engadirlle os máis de 234.536 euros que recibe esta comarca ao abeiro da liña de axudas para acometer obras de mellora de accesibilidade, sinalización ou acondicionamento das súas infraestruturas turísticas a través das cales se realizarán actuacións en Boiro, Muros, Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Agrupación Ría Muros-Noia e Mancomunidade municipios Arousa Norte.

A través destas dúas liñas de colaboración cos concellos a Consellería de Cultura e Turismo investirá nesta área 312.809 euros.