Luns 19 de Novembro de 2018

O programa CoidarNos do Concello de Boqueixón preséntase ao alumnado da Escola Universitaria de Traballo Social da USC


A psicóloga, a traballadora social e catro das persoas participantes na iniciativa explicaron a súa experiencia

O programa CoidarNos do Concello de Boqueixón segue a ser un referente no que a Servizos Sociais se refire. Non en van, este pioneiro plan de apoio a persoas coidadoras de familiares en situación de dependencia foi presentado esta semana ao alumnado de 3º curso da Escola Universitaria de Traballo Social da USC.

A psicóloga e a traballadora social do Concello de Boqueixón visitaron as aulas para dar a coñecer este recurso de apoio que comezou a andar en maio de 2016. As dúas profesionais estiveron, ademais, acompañadas por catro das persoas coidadoras que actualmente conforman esta actividade grupal. O seu testemuño permitiu facer visible a realidade das persoas coidadoras e a valoración que estas fan da súa participación no programa.

A responsable de organizar estas charlas foi a docente da materia Traballo social con individuos e familias, quen resaltou como puntos novidosos do programa a realización de sesións ao aire libre e a importancia que se lle dá á práctica de exercicio físico. Así mesmo, o alumnado coincidiu na necesidade de implementar e estender a todos os municipios iniciativas coma esta, para favorecer que as persoas coidadoras teñan un espazo onde expresar e compartir os seus sentimentos.