Mércores 12 de Decembro de 2018

Ordes dispón dos cartos necesarios para poder saldar a súa débeda bancaria


Martínez Sanjurjo aprobeita o pleno para emitir un informe pormenorizado da situación financieira do Concello. As contas reflicten un fondo de Tesourería de máis de 3,5 millóns. Os números roxos pasan de 5,3 millóns a pouco máis de 2 a día de hoxe, situando a media anual de amortización en 1,2 millóns. É o terceiro municipio de Galicia no pago a proveedores

O pleno de outubro en Ordes arrancou coa aclaración exhaustiva da situación económica do Concello por parte do seu alcalde, José Luis Martínez Sanjurjo. “A día de hoxe as contas reflicten máis de 3,5 millóns de euros de fondos de Tesourería, cantidade máis ca suficiente para poder sufragar a débeda bancaria actual de 2.062.000 €”. Unha opción que dende a Alcaldía se descarta “por unha cuestión de responsabilidade, xa que de facelo poderiamos poñer en perigo a estabilidade orzamentaria do Concello, en alto risco a regra de gasto e suprimiríamos o fondo de manobra para calquera necesidade ou imprevisto que xurdira”, argumentou.

“Cando chegamos atopámonos cunha débeda de 5,3 millóns de euros. Con isto a media anual de amortización que conseguimos dende o 1 de xaneiro de 2016 ascende a de 1,2 millóns. Gustaríanos poder facelo dende que entramos a gobernar (3 xullo 2015) pero foi imposible porque sinxelamente non deixaron cartos para poder facelo. O que si nos atopamos foron facturas sen pagar por un importe de 600.000 € dentro do caixón”. Outro dato no que baseou a boa xestión foi o pago medio a provedores, cunha media de 16 días e que sitúa ao Concello de Ordes no terceiro posto de toda a provincia da Coruña.

PAI e POS
O Plan de Aforro e Investimento (PAI) foi outro dos piares argumentais esgrimidos nos informes da Alcaldía. Martínez Sanjurjo aludiu á renovación do alumeado público no núcleo urbano de Ordes e a reparación da rúa Campeiras (85.600 €), obras executadas no 2015. Xa un ano despois, por parte da corporación actual, mellorouse o aparcamento do tanatorio do Valado (140.000 €). Especialmente crítico e incisivo foi cos proxectos aprobados do POS 2017 “aqueles que moitos membros da oposición aprobaron máis coa intención de bloquear ao Concello que coa de atender as necesidades e demandas dos veciños e veciñas. A pesar de que os avisamos decidiron de maneira irresponsable investir todos os cartos en dous únicos proxectos que se pisaban o un ao outro e que aínda a día de hoxe estamos intentando realizar”.

Mocións
Tras a aprobación por unanimidade da integración na asociación de concellos do Camiño Inglés, entidade sen ánimo de lucro e cuxo principal fin e a promoción e desenvolvemento turístico dos municipios polo que transcorre este trazado, chegou a quenda das mocións. O acordo unánime de todas as forzas repetiuse na petición, por parte de UxO, de ampliar a oferta educativa da sección oficial de Ordes da Escola Oficial de Idioma cun novo idioma (francés, alemán ou portugués).

Alejandro Manteiga, voceiro socialista, retirou a súa moción de acometer unha actuación integral para a recuperación dos roteiros do río Mercurín, San Paio e Outeiro, tras escoitar e recibir os informes sobre todas as xestións emprendidas polo Goberno local nesta materia. Manteiga recolleu o testigo lanzado polo alcalde, quen lle solicitou a súa colaboración para que o Goberno central, encabezado polo Partido Socialista, reactive a construción da rotonda á entrada de Ordes que enlazaría de forma segura a Rolda Lesta coa N-550 e que suporía conectar de un modo mais seguro o polígono industrial e a autoestrada. Xa dende o pasado mes de abril os o 1.200.000 € da dita infraestrutura, que inclúe un paso inferior, aparecen reflectidos nos orzamentos estatais. “Bastaría que o proxecto se incluíra na plataforma de contratación ao longo das vindeiras semanas, do contrario perderiamos esta oportunidade”.

Urxencias rexeitadas
Ningunha das tres mocións presentadas polo Bloque Nacionalista Galego chegou a debatirse, ao quedar rexeitada a súa urxencia. En todos os casos os nacionalistas só contaron co respaldo de UxO (3), PSOE (1) e a non adscrita Beatriz Martínez Candal.

A primeira delas facía referencia ao Plan de Seguridade Viaria Municipal que delimita a circulación de vehículos a 30 km/h en distintas rúas da vila de Ordes e no Mesón do Vento, así como a implantación paulatina de pasos peonís elevados en distintos puntos. Entre outros aspectos o concelleiro non adscrito Roberto González e o alcalde argumentaron o seu rexeitamento a considerar a proposta alegando erros no procedemento, xa que “é a Policía Local quen ten que plantexar esta medida e presentar un informe para que o pleno o poida someter a votación despois”.

No caso da solicitude de exhumación, por parte da Xunta de Galicia, identificación e entrega dos restos das vítimas supostamente enterradas nunha foxa común a carón do cemiterio do Piñeiro, así como a realización dun estudo das fontes orais e escritas para a súa localización, a negativa á discusión da moción fundamentouse no descoñecemento por parte dos nacionalistas do protocolo de actuación que marca a coñecida como Lei da memoria histórica. Segundo explicacións do alcalde son os familiares os que teñen que iniciar o trámite e solicitar as medidas de actuación, ademais da necesidade de presentar un estudo documental previo e as solicitudes para a realización dos traballo. Tamén recordou que a suposta situación da foxa fíxana sobre terreos privados, polo que habería que ter en consideración e traballar conxuntamente cos seus propietarios. O alcalde abriu a posibilidade de manter reunións de traballo para tratar o tema ou aspectos relacionados con este.

Na terceira e última moción instábase ao alcalde a solicitar de Xestur a proceder coa resolución dos contratos que rexen sobre as parcelas baleiras no polígono industrial de Merelle, nas cales non existen edificacións destinadas a actividade industrial. Neste punto José Luis Martínez Sanjurjo procedeu á lectura dun informe do ente dependente da Xunta no que se especifica que parte destes terreos englóbanse na primeira fase de construción desta área e, polo tanto, non están suxeitas a esa condición. Aínda así en moitos casos está constatado que, a pesar de levarse a cabo movementos de terras e traballos iniciais por parte dos titulares finalmente non se chegou a habilitar debido á crise económica, moi especialmente a partir do ano 2008. A colación avanzou a pronta apertura dunha nova empresa nunha das últimas parcelas vendidas “o que suporá aproximadamente unha vintena de postos de traballo para o Concello que, dende logo, son moi benvidos”.