Luns 19 de Novembro de 2018

Arrancan as obras de rehabilitación da construción situada a carón da igrexa de Vilamaior


 

Na edificación auxiliar de tipo tradicional instalaranse aseos e un osario, ademais de servir de resgardo ante as inclemencias meteorolóxicas. A execución deste proxecto fará posible obter a autorización sanitaria por parte da Consellería de Sanidade para unha futura ampliación do cemiterio

Nestes últimos días iniciáronse as tarefas de rehabilitación da construción tradicional situada a carón do cemiterio e igrexa parroquial de Santiago de Vilamaior. A finalidade prevista para este inmoble auxiliar de preto de 80 metros cadrados é a instalación de aseos e osario, ademais de servir de espazo de resgardo ante as inclemencias meteorolóxicas. O orzamento total ascende a 34.000 €, cantidade visiblemente inferior á prevista incialmente (42.578 €). O Concello ten asignada unha aportación de 14.000 € mentres que os residentes da zona sufragarán a parte restante. Está previsto que as obras estén rematadas antes de fin de ano.

O proxecto, moi demandado pola veciñanza, inclúe a ampliación da altura do dito inmoble e o cambio da súa cuberta de unha a dúas auga. Ademais a instalación dos aseos é un requisito indispensable para poder obter a autorización sanitaria por parte da Consellería de Sanidade de cara a unha futura ampliación do cemiterio. A estrutura soporte e o cerramento da edificación estarán formados por muros de mampostería existentes, mentres que a nova cuberta está proxectada con base de vigas e viguetas de formigón armado prefabricadas. A cuberta do edificio resolverase con chapa de fibrocemento e tella curva cerámica do país colocada como remate da cuberta. Nos executarase unha soleira de formigón armado. A carpintería interior será con taboleiros aglomerados chapados con sapeli. O pavimento, tanto da zona dos aseos e osario coma do local cuberto, presentará plaquetas antiesvarantes. As paredes serán a base de alicatado na zona de aseos e de pintura plástica no resto. Por último colocarase flaso teito de placas de xeso tanto no osario como nos aseos.

Novo aparcadoiro
Esta nova obra compleméntase coa construción da zona de aparcamento situada na mesma parcela de máis de 2.000 metros, obra acometida polo Concello de Ordes e do que xa se pode facer uso dende o pasado mes de xuño. O investimento total ascendera daquela a preto de 12.000 euros, cos que ademais das labores de limpeza, procedeuse coa compactación e aplicacion dunha capa de grixo artificial. A estes traballos sumóuselle tamén a demolición dunha vivenda, dous alpendres e o tapado dun pozo de xurro.