Venres 03 de Xullo de 2020

Últimos días para apuntarse no II Open de dominó Concello de Moeche


 

A nave do mercado de Moeche acollerá este sábado a partir das 11.00h. o II Open de dominó Concello de Moeche. Un torneo aberto a profesionais e debutantes nesta disciplina que, a día de hoxe, xa leva máis de medio cento de persoas anotadas. Para apuntarse hai que pasar polo Concello, chamar ao 981 404 006 ou mandar un correo a daniel.feijoo@moeche.gal. O obxectivo do open é principalmente lúdico e de promoción dun xogo/deporte que forma parte da nosa tradición cultural e que, ademais, é moi aconsellable para exercitar a mente. E por se falta alguén por convencer: haberá premios e un xantar abondoso e exquisito dentro dos 20€ que custa a inscrición.

Poucos xogos de mesa hai tan apaixoantes coma o dominó. Xunto coa baralla, as fichas brancas e negras forman parte desde antigo dos nosos entretementos predilectos e non hai taberna de toda a vida que non conte no seu mobiliario con parroquianos puntuais á súa cita diaria co dominó. “O pito dobre!”, “dóblome!”, “paso!”, “pon e cala a boca!”, “cerrado!” son só algunhas expresións que forman parte da súa atmosfera, xunto cos estalos secos do petar autoritario no taboleiro, que día tras día, mes tras mes e ano tras ano vai mellando a superficie cunha grande cicatriz en forma de cruz.

Visto desde fóra -e sabendo o básico- pode parecer que todo se limita a xuntar pezas polo lado en que cadren os números. E si, éche así, pero hai moito máis: o dominó é un xogo marcado polo azar do remexido inicial que, unha vez se poñen as fichas dereitas, se converte nunha batalla de cálculo mental, de estratexia que non admite erros e de saber xogar co que leve o compañeiro se, coma neste caso, a partida se disputa en parellas. O dominó é un xogo… un deporte serio e revestido de certa solemnidade. Como tal, mesmo hai federacións. A galega xunta sete clubes/asociacións que organizan ao longo do ano un completo calendario de competicións, ademais de disputaren o Open e mailo Campionato Galego de Parellas, no que esta temporada participan 144 xogadores.

A federación encargarase da organización do xogo no II Open de dominó Concello de Moeche. Para iso desprazará un equipo arbitral e un sistema informatizado dos sorteos iniciais e de seguemento das partidas. A escasos días de que se produza o encontro xa van máis de medio cento de participantes inscritos, principalmente da comarca, aínda que tamén doutros puntos de Galicia e incluso parellas federadas en Asturias. Quen queira sumarse ao campionato deberá pasar pola Casa do Concello, chamar ao 981 404 006 en horario de mañá -só queda este mércores e mailo venres para facelo- ou enviar un correo a daniel.feijoo@moeche.gal.

As partidas comezarán ás 11.00h. na Nave do mercado e a reserva de praza ten un custe de 20€ por persoa, nos que vai incluído un xantar a base de callos, codillo asado, bebida, café e sobremesa. Os premios tamén son gorentosos: a parella vencedora levará trofeo e un xamón, a segunda clasificada farase cun xamón e un diploma e da 3ª á 8ª levarán diploma e un agasallo. Ademais tamén se reserva un trofeo para a mellor parella de Moeche.

Inicialmente o Open ía desenvolverse no local social de Abade con apoio loxístico da asociación Pito Dobre, quen comunicou a imposibilidade de facerse cargo do evento cando xa estaba lanzada a convocatoria. Tras facer as xestións oportunas, o Concello implicou na organización á Federación Galega de Dominó, ademais de contar coa colaboración de lácteos de Moeche, do Bar O Mercado e do Bar Queira.