Luns 19 de Novembro de 2018

O pleno de San Sadurniño ratifica o seu apoio aos “19 de Meirás”


BNG e PSOE tamén votaron a favor dunha tarifa eléctrica galega
O pleno ordinario de novembro investiu algo máis dunha hora en resolver os asuntos da orde do día. E fíxoo ocupando a maior parte en debater cuestións que trascenden o ámbito municipal. O BNG presentara dúas mocións como únicos temas para ser tratados -unha en apoio dos “19 de Meirás” e outra referida a unha tarifa eléctrica galega-, aínda que ao final foron tres, ao introducirse pola vía da urxencia unha proposta da Rede Galega de Educación e Desenvolvemento Rural a prol da preservación dos centros de ensino no rural galego. Saíron adiante por unanimidade a primeira e a última, mentres que a relativa á tarifa eléctrica contou cos votos favorables de BNG e PSOE e o rexeitamento do Partido Popular.

Tras dar conta das resolucións da alcaldía desde a anterior sesión, o pleno meteuse de cheo no debate das mocións comezando pola que tentaba recabar un posicionamento institucional en apoio das 19 persoas chamadas a declarar polo acto reivindicativo que tivo lugar no Pazo de Meirás en agosto de 2017, logo de seren denunciadas pola familia Franco e tamén pola fundación que leva o nome do ditador. Porén, o texto tamén volve reclamar que o inmoble pase a mans públicas. Un extremo no que os tres grupos municipais estiveron de acordo, aínda que con matices, xa que o PP condicionou o seu apoio a que se incorporase unha emenda transaccional pedindo que o Concello se sume aos acordos adoptados no Parlamento Galego sobre este tema, ademais de instar ao Estado a que leve a cabo as accións legais precisas -ás que logo se sumaría a Xunta- para que o inmoble pase ao dominio público.

Onde non houbo unanimidade foi na demanda nacionalista dun novo marco regulatorio para o sector eléctrico no que Galicia, como produtora do 35% da electricidade estatal, se vexa compensada. Máis aínda, a moción reclama a rebaixa do ive da luz do 21 ao 4% e que o noso país vexa reducidas as peaxes que, segundo se asegurou na sesión, o abocan a pagar a electricidade máis cara que noutras partes do Estado. As teses do BNG fundamentan a petición no incremento inxustificado da factura “ata nun 80%” nos últimos tempos e tamén no feito de que o custe enerxético pon en perigo o tecido industrial, tal e como se veu recentemente con Alcoa e antes con Megasa.

No pleno comparáronse prezos da corrente para a industria noutras partes de Europa sinalando que en Noruega o Mw/h. está a 28€, en Francia a 32 e en Alemaña a 34, mentres que Alcoa en Arteixo paga o megavatio a 72€. Un prezo que, tal e como defendeu o BNG, se pode rebaixar “con decisións políticas”, acusando aos gobernos de sensibilizarse cos traballadores despedidos pero de “non facer o que hai que facer”, cun marco regulatorio que rebaixe os custes da enerxía como factor de competitividade industrial e de garantía de acceso para as familias. O Bloque lembrou, ademais, que “nin sequera nos momentos máis duros da crise” as empresas eléctricas “perderon cartos” xestionando un ben que os nacionalistas entenden como “público”, razón pola que tampouco existiría un défice tarifario que xustifique as subas da luz. “O défice tarifario é unha entelequia, unha mentira”, asegurou Suso Soto.

O PSOE estivo de acordo coa moción. Non así o PP, quen cualificou como “prexudicial” unha tarifa eléctrica diferenciada para Galicia ao tempo que recordou o investimento “de 14 millóns de euros” por parte do goberno galego en promoción de enerxías limpas e axudas aos fogares.

A derradeira moción entrou no debate plenario logo de aceptarse por unanimidade a súa urxencia. Nela ínstase á Xunta a que deseñe un plan de educación específico para o medio rural, así como a aplicación dunha moratoria no peche dos centros escolares en zonas onde houbo un descenso acusado de alumnado. O texto -defendido na sesión por un representante da Rede Galega de Educación e Desenvolvemento rural- solicita que prime o dereito á educación por riba da clausura de escolas e que, antes de tomar calquera decisión neste sentido se sopesen as súas repercusións a medio e longo prazo. Ponse como exemplo o caso de Castela e León, onde a dispersión da poboación non é obstáculo para manter abertas aulas aínda que sexa con poucos nenos e nenas. A petición foi apoiada polos tres grupos municipais.

Ao tratarse dun pleno ordinario, a sesión contou tamén co apartado de rogos e preguntas. Rogo non houbo ningún, pero si preguntas. A representante do PSOE, Yolanda Vázquez, quixo saber da situación da atención no Centro de Saúde, despois de que recentemente o Concello solicitase da Xerencia de Xestión integrada de Ferrol que se cubrisen as incapacidades temporais e tempos de descanso que puidesen ter os dous facultativos do centro, algo que nestes momentos non estaría ocorrendo. Secundino García explicou que se cursara a petición pero que aínda non houbera resposta por parte do SERGAS. A outra pregunta veu das filas populares en voz de María Belén Trigo, quen preguntou “por que se subiu a contribución urbana”. O alcalde sinalou que o tipo -fixado polo Concello- está igual que o ano pasado, no 0,605, e que a outra parte do imposto -o valor- non é de competencia municipal.

Deja un comentario