Luns 19 de Novembro de 2018

A Banda de Ordes celebrará a Santa Icía o vindeiro día 24


O programa inclúe actuacións musicais a cargo da formación e outros grupos, xogos, sorteos e un xantar popular no Campo da Feira de Ordes

A Banda de Música de Ordes celebrará a festa de Santa Icía o vindeiro sábado 24 de novembro. O lugar de encontro está posto no Campo da Feira, onde se colocará unha carpa con calefacción onde se desenvolverán os distintos actos programados, os cales están abertos a todas as persoas que queiran acudir.

O primeiro deles será un concerto a cargo da banda que dará comezo ás 13 horas, e que tamén servirá para a presentación das novas incorporacións da formación. A partir das 14.30 horas terá lugar o xantar dos socios e socias, que deberán adquirir o seu tícket antes do luns 19 de novembro. Pódese solicitar na mesma Escola Municipal de Música ou ben solicitarllo a calquera membro da directiva da Asociación Cultural Amigos da Música de Ordes. O prezo para persoas adultas é de 25 €, para as que teñan entre 6 e 12 anos é de 10 €, mentres que as menores de 6 anos poderán asistir de balde.

Tras a sobremesa, a iso das 18 horas, chegará o momento das actuacións musicais da Banda Infantil, da Banda de Ordes e a dos grupos Faíscas da Pontraga e Garibaldi. Tampouco faltarán xogos e sorteos.

Nesta celebración na honra da patroa da música colabora tamén, tal e como é habitual, o Concello de Ordes.

Deja un comentario