Luns 19 de Novembro de 2018

San Sadurniño acolle a sesión de traballo comarcal sobre o Plan de Acción de Servizos Sociais promovido pola Deputación da Coruña


 

Unha vintena de entidades entre concellos e asociacións que traballan no eido social e da atención comunitaria reuníronse esta mañá na Casa da Xuventude de San Sadurniño convocadas pola Deputación da Coruña para falaren, precisamente, sobre como mellorar os servizos de atención sociosanitarios que se prestan na provincia. O encontro, concibido como un espazo de reflexión, forma parte da recollida de información previa á elaboración dun Plan de Acción de Servizos Sociais que defina liñas de actuación coordinadas entre as entidades e as administracións públicas. Noutras palabras, a xuntanza serviu para poñer en común situacións e problemas específicos en distintos ámbitos -persoas maiores, mocidade, igualdade, etc.- para despois propoñer como darlles solución.

A responsable provincial de Igualdade, Educación e Benestar social, Ánxela Franco, explicaba esta mañá que o plan de acción pretende ser unha guía onde se recolla “o futuro do traballo e dos investimentos desta área cara aos vindeiros anos”. O obxectivo provincial é “coñecer a realidade que temos en cada territorio” e, a partir de aí, formular propostas “adaptadas á realidade de cada comarca”.

O proxecto está aínda na fase de investigación das demandas e necesidades do tecido sociocomunitario, no que entran tanto os servizos prestados polos concellos como o traballo que desenvolven outras entidades públicas e privadas. Para recabar a información marcáronse encontros de ámbito comarcal que se veñen celebrando desde o pasado mes de marzo -o de San Sadurniño fai o número 15-, polo que xa se poden adiantar algunhas conclusións comúns aos distintos territorios da provincia: “o transporte como peza fundamental para ancorar poboación e para dar servizos a unha poboación moi avellentada; a asistencia e a axuda en domicilio, a teleasistencia como un servizo engadido para que a xente poida vivir no seu entorno nas mellores condicións e, por suposto, a calidade laboral (do persoal de atención)”, enumera Ánxela Franco.

Manuel Pérez, como encargado de dirixir as sesións, engade “o avellentamento das zonas rurais, a soidade e o sentemento de illamento” como un dos principais eixos de traballo que necesariamente deberá atender o plan de acción, pero non o único, senón tamén outros aspectos, como por exemplo os relacionados coa sanidade ou a prevención de adiccións entre a mocidade. Unha vez que remate a rolda de contactos co tecido sociocomunitario, o seguinte paso será “a elaboración do propio plan de acción que, basicamente, se trata de deseñar e implementar no territorio medidas acordes co que os servizos técnicos nos están trasladando”.

Por outra banda, segundo Ánxela Franco, as xuntanzas tamén están poñendo de manifesto a existencia de “moitísima burocracia” que debe reducirse para ganar en eficiencia na atención. “De pouco vale que dotemos recursos se non os damos consumido na súa totalidade nin os aplicamos ás necesidades que temos”. Neste sentido, a deputada provincial critica que a Xunta non se implicase no proxecto. “Propuxémoslle que se sumase a este traballo, xa que todas as administracións debemos remar xuntas para atender ben á xente. Non quixeron e decidimos facelo nós exclusivamente na nosa provincia, aínda que a FEGAMP quedou en darlle traslado á Xunta de que este traballo tamén hai que facelo nas outras provincias”.

De cara á aplicación futura do plan de acción, Franco Pouso adianta que a intención do actual equipo de goberno provincial é a de continuar incrementando as partidas no ámbito social. Lembrou que en 2017 se subiu de 9 a 12 euros a contribución provincial para os servizos de axuda no fogar e considera que “ten que haber unha discriminación positiva, sempre que a lei nolo permita” para os concellos que sosteñen con persoal propio esa atención. A deputada indica, ademais, que o seu labor “debe dignificarse” para contrarrestar a “dificultade para atopar profesionais” que queiran traballar neste ámbito.

Deja un comentario