Luns 19 de Novembro de 2018

Santiago Freire proponlle ao vicepresidente Alfonso Rueda que incorpore a agrupación de Protección Civil de Noia ao reforzo do mapa de emerxencias da Xunta


 

O alcalde lembrou que Noia xa conta coa infraestrutura e o persoal precisos e que permitiría acurtar os tempos de actuación na comarca

O alcalde de Noia, Santiago Freire, e a concelleira de Medio Ambiente, Ángela Neri, mantiveron esta mañá unha reunión co vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda. Un encontro no que lle plantexaron tres temas principais: a incorporación de Protección Civil de Noia ao mapa de emerxencias deseñado pola Xunta, a rehabilitación da sobrecuberta e fachada da Casa Consistorial e a adquisición dun novo vehículo para a Policía Local.

Freire Abeijón explica que “plantexámoslle ao vicepresidente que, agora que están prevendo reforzar determinadas localidades dentro do sistema de emerxencias deseñado hai cinco anos, tivera en conta que Noia xa conta cunhas importantes infraestruturas e persoal, polo que poderíamos converternos nun punto intermedio entre os parques de bombeiros de Arousa Norte e os GES de Muros e Brión”. “Isto sería moi positivo para a nosa comarca, pois a veciñanza tería unha resposta moito máis áxil e os tempos de resposta serían moito máis curtos”, apunta o alcalde noiés.

Alcalde e concelleira puxeron en que Noia xa conta cunhas importantes infraestruturas, instalacións e persoal preparado para prestar este servizo, lembrando os 90.000 euros investidos hai pouco máis dun ano nas instalacións. “Plantexámoslle a posibilidade de mellorar esas instalacións e que parte do custo do persoal, que na actualidade asume o Concello, sexa asumida pola Xunta e a Deputación”, indica Santiago Freire.

Casa consistorial

Durante o encontro tamén se plantexou un proxecto de mellora da Casa Consistorial, orzamentado en 45.000 euros e que sería cofinanciado polo Concello de Noia e a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, que achegaría entre o 70 e o 80% do orzamento. As actuacións centraríanse na adaptación das dependencias municipais do baixo cuberta, así como na mellora da fachada do inmoble.

“Hai un ano se fixeron melloras na primeira planta. Agora queremos actuar no baixo cuberta para mellorar as condicións de iluminación e ventilación das dependencias municipais, así como na fachada da Casa do Concello, sobre todo agora que se acaban de facer actuacións de limpeza e acondicionamento do convento dos Franciscanos”, explica Freire Abeijón.

Finalmente, alcalde e concelleira plantexáronlle a Alfonso Rueda a necesidade dun novo vehículo para a Policía Local. Unha adquisición que suporía un gasto duns 30.000 euros, que serían financiados polo Concello de Noia e a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

O alcalde noiés considera que o encontro co vicepresidente da Xunta foi moi positivo porque “estamos a falar de tres actuacións importantes para a veciñanza e porque suporía conseguir unha financiación que liberaría recursos das arcas municipais para acometer outros proxectos de mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas de Noia”.

Deja un comentario