Luns 19 de Novembro de 2018

O Concello de Lousame conmemorará o 25-N cunha ruta de sendeirismo, un curso de defensa persoal para mulleres e charlas sobre ciberseguridade e educación sexual


 

O alumnado do CPI Cernadas de Castro construirá tres muros contra a violencia de xénero, feitos con caixas de zapatos decoradas como ladrillos e con mensaxes contra a violencia de xénero

A Mesa Local de Coordinación Interinstitucional fronte á Violencia de Xénero de Lousame celebrou esta mañá a súa terceira reunión

A concelleira de Igualdade de Lousame, Silvia Agrafojo, presidiu esta mañá a terceira reunión da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional fronte á Violencia de Xénero de Lousame. Unha reunión na que participaron por primeira vez Mª Isabel Álvarez García, Xefa da Unidade contra a violencia sobre a muller en A Coruña; e Gonzalo Castro Prado, asesor da Subdelegada do Goberno en A Coruña, que ofreceron toda a súa colaboración e se amosaron gratamente sorprendidos pola gran cantidade de actividades programadas para este mes de novembro.

Un encontro no que Silvia Agrafojo aproveitou para adiantar todas as actividades que o Concello de Lousame ten programadas neste mes de novembro para concienciar á poboación co gallo da conmemoración do 25-N, Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Un programa que inclúe unha ruta de sendeirismo, un curso de defensa persoal para mulleres e dúas charlas formativas: sobre ciberseguridade e sobre educación sexual.

Todas as actividades son gratuítas pero, salvo a charla sobre ciberseguridade, é preciso inscribirse previamente no Concello de Lousame, no teléfono 981 820 494 ou enviando un WhatsApp ao número 689 126 385. O Concello de Lousame porá a disposición das persoas participantes un servizo de canguraxe para nenos/as de 3 a 12 anos.

Actividades

Así, o propio domingo 25 de novembro terá lugar a IV Andaina contra a Violencia de Xénero de Lousame, “que este ano convertermos nunha ruta de sendeirismo de 8 quilómetros e accesible a todas as persoas, independentemente da súa idade”, explica Silvia Agrafojo. O roteiro sairá ás 11:00 horas do polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra, onde á chegada haberá unha degustación de chocolate e rosca. O prazo de inscrición estará aberto ata o 22 de novembro

O próximo venres 16 de novembro, a Casa da Cultura acollerá ás 20:00 horas a charla “Redes sociais e ciberseguridade”, impartida pola Garda Civil dentro do Plan Director para a convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos e os seus contornos. “O obxectivo principal é formar ás familias na prevención do uso excesivo das redes sociais por parte dos seus fillos/as e darlles ferramentas para o control parental e a prevención dos riscos relacionados co emprego sen control da rede Internet”, explica Silvia Agrafojo. A charla estará aberta a toda a poboación e non será preciso anotarse previamente.

O venres seguinte, 23 de novembro, terá lugar a charla “Como falar de sexualidade cos teus fillos/as”, impartida por persoal dos Centros Quérote + da Xunta de Galicia. A charla está especialmente dirixida a pais e nais, que deberán anotarse antes do 20 de novembro. O curso terá lugar na Casa da Cultura de Lousame ás 20:00 horas.

Finalmente, o Concello de Lousame, a Secretaría Xeral da Igualdade e a Federación Galega de Loita porán en marcha un “Curso de defensa persoal e autocapacidade para mulleres e mozas”, dúas sesións de adestramento físico e psíquico para saber como actuar ante diversas situacións problemáticas mediante técnicas de autodefensa. Este curso de defensa persoal terá lugar os sábados 24 de novembro e 1 de decembro, en horario de 16:00 a 20:00 horas, no ximnasio do CPI Cernadas de Castro. Será impartido por monitores/as especialistas en defensa persoal da Federación Galega de Loita e está dirixido tanto a mulleres adultas como a mozas menores de idade, que deberán anotarse antes do 20 de novembro.

CPI Cernadas de Castro

Pola súa banda, Pilar Cobas Cajuso. directora do CPI Plurilingüe Cernadas de Castro, explicou tamén a actividade preparada polo colexio. “Faremos un muro contra a violencia de xénero. Todos os rapaces collerán unha caixa de zapatos, que decorarán como se fose un ladrillo dese muro, e escribirán mensaxes contra a violencia de xénero e a prol da igualdade”, explica Pilar Cobas.

Un cento de rapaces de secundaria construirán o seu muro na entrada da Casa do Concello de Lousame na mañá do venres 23 de novembro, para concienciar sobre a cuestión a todas as persoas que pasan por este lugar. Está previsto que o muro estea na entrada da casa consistorial ata o Nadal. Pola súa banda, os máis pequenos farán outros dous muros nas instalacións do colexio.

Na reunión de hoxe da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional fronte á Violencia de Xénero de Lousame participaron: Silvia Agrafojo Filgueira, concelleira de Igualdade de Lousame; Mª Isabel Álvarez García, Xefa da Unidade contra a violencia sobre a muller en A Coruña; Gonzalo Castro Prado, asesor da Subdelegada do Goberno en A Coruña; Pilar Cobas Cajuso. directora do CPI Plurilingüe Cernadas de Castro; Silvia Freiria Castelao, enfermeira do Centro de Saúde de Lousame; Julio César López González, sarxento Garda Civil-Posto de Noia; Natividad Hermo Santos, traballadora social de Lousame; e Mónica Castaño Ourille, técnica da Concellería de Igualdade. A próxima reunión será o venres 10 de maio, ás 10:00 horas.

Deja un comentario