Mércores 20 de Novembro de 2019

Oleiros acolle este sábado unha función da actividade de dinamización lingüística ‘Asubíos’


A peza teatral da compañía do Elefante Elegante poderase gozar no auditorio A Fábrica ás 18,00 horas con convite previo, que se poderá retirar desde unha hora antes da función
O concello coruñés de Oleiros, pertencente á Rede de Dinamización Lingüística, acolle este sábado unha función da actividade Asubíos, da man da compañía do Elefante Elegante e do programa de dinamización lingüística FalaRedes 2018. A peza teatral poderase gozar no auditorio A Fábrica con entrada de balde ás 18,00 horas, e os convites previos poderanse retirar desde unha hora antes da función.

Asubíos é a quinta actividade do FalaRedes 2018, unha peza teatral inspirada no universo literario do escritor Mia Couto e no conto O frautista de Hamelín recollido polos irmáns Grimm. Se no orixinal do mozambicano o asunto de fondo era a racismo, na reinterpretación que fai a compañía do Elefante Elegante o eixo temático muda e oriéntase ao medio natural e á necesidade de vivir en harmonía con el. A obra está especialmente pensada para familias con nenos e nenas de máis de tres anos de idade.

Domingo 25, Santiago de Compostela
Despois da función deste sábado, o FalaRedes regresará o vindeiro domingo 25 de novembro. Ese día as familias do concello de Santiago de Compostela están convocadas, ás 18,00 horas, no Centro Sociocultural de Conxo. Elefante Elegante proseguirá a súa xira con Asubíos ata o 9 de decembro con actividades en Negreira, Barbadás, Monterroso, Silleda, Cea, Vilamarín, Salvaterra de Miño e Castrelo de Miño.

Desde o mes de abril e ata finais de ano, as actividades do FalaRedes están a percorrer os concellos da RDL, unha iniciativa impulsada polo Goberno galego para incidir na promoción do uso da lingua galega desde as administracións local e autonómica que conta con máis de 190 entidades adscritas. Nas seis edicións anteriores do programa foron preto de 900 as actividades programadas para públicos de todas as idades.

Toda a información sobre esta edición dispoñible no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal/falaredes), nas redes sociais da RDL e na Axenda de Cultura de Galicia.