Martes 10 de Decembro de 2019

Preto de 110.000 euros para o acondicionamento e climatización da piscina municipal de Centieiras, en Fene


A actuación inclúe o traslado do ximnasio ao andar superior, un espazo que ata o de agora se reservaba a cafetería, pero que permanecía sen uso

A Deputación da Coruña achegará 109.413,68 euros ao Concello de Fene para mellorar as instalacións da piscina municipal de Centieiras.

Segundo explicou o propio alcalde, Gumersindo Galego Feal, o centro ten bastantes carencias e, de feito, xa asumiu con fondos propios a renovación das caldeiras. Agora a Deputación súmase a este proceso de renovación con esta achega para realizar distintas actuacións de acondicionamento e climatización ambiental.

En concreto, se substituirán os deshumificadores do soto, co que se logrará reducir a humidade e cumprir cos baremos establecidos. Así mesmo, se reparará o exterior do edificio, actualmente en moi mal estado. Repararase tanto o revestimento das fachadas, de madeira tratada, como a cuberta.

Por último, vaise proceder tamén a un cambio na localización do ximnasio, que pasará a estar no primeiro andar, nun espazo reservado para cafetería, pero agora en desuso. Polo tanto, o lugar no que agora se atopan as máquinas de musculación se adaptará como sala de actividades monitorizadas.

A Deputación asume en solitario o custo de todas estas actuacións a través dun convenio asinado esta mañá entre o alcalde e o presidente provincial, Diego Calvo, que destacou a importancia de colaborar con este proxecto para mellorar a calidade de vida dos veciños de Fene.