Sábado 22 de Febreiro de 2020

‘Pico Sacro, ferido polo lóstrego e a lenda’ chega á biblioteca municipal de Ordes


 

A biblioteca municipal de Ordes serviu de espazo de presentación para ‘Pico Sacro, ferido polo lóstrego e a lenda’. O día escollido, onte venres, non puido ser máis oportuno ao coincidir co Día das Bibliotecas. O libro, que xa vai pola segunda edición, recompila poemas, relatos, ensaios, crónicas xornalísticas etc de noventa autores e autoras de todos os tempos. En todos os casos o eixe temático central é o afamado monte situado no concello de Boqueixón.

“Sen dúbida este libro é unha das maiores campañas de defensa e de protección para este monte. Fará que moita xente saiba o que representa e da súa importancia. “Este libro fai por este monte e pola súa conservación moito máis que calquera campaña ou que a colocación de sinaléticas ou carteis indicativos pagados cos cartos de calquera fondo europeo” asegurou Ramón Vilar, escritor da comarca de Ordes que non faltou á presentación e que, ademais, forma parte do elenco de autores.

Outros dos nomes propios que se achegaron a Ordes para falar da obra foron Xosé Manuel Lobato, Enrique Neira, Diana Pastoriza e Xoán Fernández Abellá. Cada un deles falou tanto da súa vivencia á hora de afrontar e formar parte deste libro como do propio proceso creativo e literario en si. Tamén tieveron ocasión para compartir anécdotas e experiencias acontecidas a carón de nomes tan ilustres como Neira Vilas, co que Xosé Manuel Lobato compartía “horas e horas de conversa” ou Manuel Antonio, de cuxo domicilio Xoán Fernández Abellá saía sempre cargado con lotes de libros tanto para el mesmo como para os seus fillos.

A poesía ocupou boa parte do tempo da presentación, acadando un papel claramente relevante. Cada un dos autores presentes leu varios poemas, nalgúns casos a dúas voces, que espertaron os aplausos do público presente. Entre outros púidose ver á concelleira de Educación, Susana García, ademais doutros membros da corporación local ordense.