Mércores 12 de Decembro de 2018

O Concello de Noia adxudica por 564.000 € as obras de construción do novo inmoble para o Museo do Mar, que estará operativo no verán


 

O alcalde, Santiago Freire, explica que o proxecto “porá en valor tanto a antiga muralla como o Museo do Mar”, ademais de “supoñer unha mellora na fachada marítima”

O Concello de Noia vén de adxudicar as obras de construción do novo inmoble para o Museo do Mar que, “se se respectan os prazos, podería estar funcionando ao longo do próximo verán”, adianta o alcalde de Noia, Santiago Freire. As obras, que partían cun orzamento base de licitación de 665.000 euros nun procedemento ao que se presentaron 7 empresas, foron adxudicadas á firma Construcciones Iglesias Mera por un importe de 564.000 euros e un prazo de execución de 8 meses.

Freire Abeijón explica que “estamos ante un proxecto que acumula unha demora importante debido ás actuacións de protección necesarias ante o descubrimento dos restos da antiga muralla, que fixo que tiveramos que someter este proxecto a consideración de Patrimonio en varias ocasións”. De feito, o alcalde agarda que “as obras se executen moito máis rápido do que levou licitalas, como aconteceu tamén co Casino, que están case listas e agardamos que as instalacións poidan entrar en servizo na primavera”.

Santiago Freire amósase convencido de que “vai ser un edificio que suporá unha importante mellora no aspecto da fachada marítima, dando así resposta a unha vella demanda da veciñanza. Por iso buscouse manter o aspecto dos arcos que estaban antes na zona, cumprindo co Plan Especial de Protección e Reforma Interior do Casco Histórico de Noia, embelecendo a contorna e garantindo a accesibilidade de todas as persoas”.

Características das obras

Sobre unha parcela de 335,5 m2 na esquina do Malecón de Cadarso 15-16 coa rúa da Pescadería, o novo inmoble contará cunha superficie total construída de 1.125,6 m2, con planta baixa, dúas plantas altas e unha baixocuberta, axustándose á altura dos edificios colindantes. A planta baixa estará destinada a poñer en valor os restos da muralla medieval do casco histórico noiés, que se integrará dentro dos espazos expositivos a través dunha escavación entorno a ela e a configuración final aberta cara o espazo público. Deste xeito, a muralla poderá ser observada dende calquera planta e dende o exterior da edificación.

A fachada manterá a liña estrutural da zona, cun revestimento de pedra, un espazo porticado e unha cuberta cun acabado en tella cerámica de cor tradicional. O obxectivo é recuperar o espazo tradicional a nivel de rúa, coa apertura dos espazos expositivos ao exterior. “A planta baixa plantéxase como unha praza aberta ao cidadán, moi semellante ao planteamento dunha antiga praza de abastos. Mentres que as plantas primeira, segunda e sobrecuberta acollerán as salas de exposición para o Museo do Mar”, explica o alcalde de Noia.

Deste xeito, ademais de dotar ao Museo do Mar de novas tecnoloxías para unha mellor difusión do patrimonio, tamén se ampliará a superficie destinada a exposición, facilitando así a realización das distintas actividades dirixidas á veciñanza e promovendo un incremento de visitas turísticas. Estas obras de remodelación, definición estrutural e ampliación do Museo do Mar de Noia serán financiadas grazas a un acordo entre tres administracións diferente: o Concello de Noia, a Deputación Provincial da Coruña e a Xunta de Galicia, a través do GALP Costa Sostible.