Luns 26 de Febreiro de 2018

Betanzos recibirá máis de 500.000 euros da Deputación para a senda fluvial dos Caneiros incluída no proxecto Mandeo


Coa construción deste paseo para peóns na marxe esquerda do río finalízanse as actuacións recollidas no plan europeo

A Deputación da Coruña, como xa anunciou no seu momento, asumirá en solitario o custo do remate das actuacións recollidas no proxecto Mandeo que, no entorno de Betanzos, quedaron pendentes da construción dunha senda fluvial aos Caneiros tras o remate da vixencia do plan europeo.

Así, o pleno celebrado a finais do pasado mes de novembro aprobou unha achega de 543.921,87 euros a través dun convenio que se formalizou esta mañá coa firma do presidente da Deputación, Diego Calvo, e o alcalde de Betanzos, José Ramón García Vázquez.

A través deste acordo, a entidade provincial asume en solitario o arranxo da senda peonil de Os Caneiros. En concreto, a obra consistirá no acondicionamento dun acceso para peóns na marxe esquerda do río Manteo, no tramo comprendido entre o final do paseo da Tolerancia, preto do núcleo urbano de Betanzos, ata o campo dos Caneiros. O alcalde destacou que esta obra non só permitirá recuperar unha zona como espazo lúdico para os veciños, senón que será un atractivo turístico máis do municipio.

Axudas
Esta non é única contribución do ente provincial co municipio. A Deputación xa asumiu a reforma do palco da música ou o acondicionamento das vivendas de Martín Ballestero, ou a reparación de rúas como a Emilio Romay ou a rúa do Hórreo, entre outras actuacións.

Deste xeito, a Deputación da Coruña continúa coa súa política de chegar a todos os concellos para mellorar a calidade de vida dos veciños da provincia.