Domingo 25 de Outubro de 2020

A Xunta cederá dous vehículos de emerxencias á comarca de Ferrolterra cun investimento de máis de 51.000 euros


A Xunta dotará a Ares e Cabanas de equipamento de emerxencias destinados aos concellos de menos de 50.000 habitantes que teñen Agrupacións de Protección Civil
O delegado territorial, Ovidio Rodeiro, informou da orde de axudas resolta esta semana para a cesión de equipamento de emerxencias aos concellos e menos de 50.000 habitantes que teñen AVPC, concedidas ao abeiro Orde do 2 de agosto de 2018.

A Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, dotará de catro vehículos na comarca de Ferrolterra aos concellos de
Ares e Cabanas que suporán un investimento de máis de 51.000 euros. No ámbito provincial a Xunta de Galicia cederá vehículos a 14 concellos cun investimento global de máis de 357.000 euros.

O delegado territorial destacou que “en calquera tipo de emerxencias é conveniente contar, ademais dos propios medios da comunidade autónoma con outros dos que esta non dispón, optimizando recursos e orzamentos, colaborando cos concellos en materia de protección civil e emerxencias, na prevención de riscos e na intervención naqueles casos que os riscos se actualizan converténdose en graves accidentes e emerxencias”.

Neste senso apuntou que “dende A Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza apostouse por dotar aos servizos municipais dos medios necesarios e dun equipamento adecuado que posibilite e redunde nun mellor coñecemento das áreas de intervención ante determinadas emerxencias co fin de acadar un maior grado de seguridade para os seus membros e para a poboación afectada”.

Así, a Unión Europea incidiu neste campo a través dos Programas Operativos FEDER de Galicia 2007-2013 e agora no 2014-2020, Eixe 5, Tema prioritario 5.2, “Promover a adaptación ao cambio climático a prevención e xestión de riscos” a través da mellora de Infraestruturas, instalacións e equipamento destinados á prevención e xestión de riscos, nos ámbitos das emerxencias e protección civil, tendo como obxectivo fundamental o desenvolvemento do Plan Emerxe a través dun conxunto de actuacións relacionadas coa actualización dos distintos plans de prevención e seguridade existentes, actualización da normativa de protección civil e de emerxencias, así como, a mellora das infraestruturas e equipamento e mellora da cobertura transfronteiriza.

Neste marco, esta Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza executou mais de 10 millóns euros, no que vai dende o ano 2015 ao 2018 no programa cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional “FEDER”,.

Dende a Xunta de Galicia decidiuse investir en equipamento de emerxencias para a súa posterior cesión aos concellos que teñan agrupacións de voluntarios de protección civil “AVPC”, para que sexan utilizados por estas en programas de prevención de riscos e primeiras intervencións en emerxencias, fundamentalmente provocadas por fenómenos meteorolóxicos adversos ou incendios forestais, previndo danos aos cidadáns, aos seus ben e ó ambiente ou, no caso de que estes se actualicen, a minorar as súas consecuencias no posible.

Entendeuse que a mellor forma de adquirir este equipamento era a través dun contrato de subministro por lotes baseándonos nos seguintes criterios:

• É equipamento semellante en canto a súa utilidade finalista.
• Todo o equipamento será cedido aos concellos en concorrencia competitiva.
• A distribución vai ser mediante unha orde de subvencións en especie na que poderán participar todos os concellos menores de 50.000 habitantes que dispoñan dunha AVPC.
• Cada concello peticionario poderá solicitar un equipamento por lote por orden de preferencia.
• O feito de saír todo no seu conxunto ao mesmo tempo, permite a cada concello pode solicitar preferentemente en función das súas necesidades mais perentorias.
• Convertemos a tarefa administrativa mais áxil e, polo tanto, conséguese unha redución nos tempos de adquisición e cesión final do equipamento.