Domingo 21 de Xullo de 2019

A Coruña acolle este fin de semana o III Torneo Eixo Atlántico de Hockei Patíns na categoría sub-17


Doce clubs participan na competición, que se disputa entre o Pazo de Deportes de Riazor e o pavillón de Elviña

A Concellaría de Deportes informa de que A Coruña acolle este fin de semana o III Torneo Eixo Atlántico de Hockei Patíns na categoría sub-17, no que participarán 12 equipos de Galicia e norte de Portugal. Entre as actividades organizadas de xeito paralelo á competición destacan as reunións e charlas técnicas que se desenvolverán o venres pola tarde no Pazo de Deportes de Riazor.
Os partidos arrancarán o sábado pola mañá, a partir das 09.00 horas, cunha fase de grupos. En concreto serán catro grupos de tres equipos que disputarán os seus encontros no Pazo de Deportes de Riazor (grupos A e B) ou no pavillón municipal de Elviña (grupos C e D). Pola tarde, a partir das 15.00 horas, empezarán as eliminatorias, cos partidos máis destacados ás 17.00 horas: os primeiros do grupo A e B, por un lado, e dos grupos C e D, polo outro, xóganse un posto na final, que se disputará o domingo, 7 de decembro, ás 17.30 horas, no Pazo de Deportes de Riazor. A entrega de trofeos será ás 19.00 horas.
En total, participan 12 clubs formados por xogadores nacidos nos anos 1999 e 2000. Así, cinco dos clubs son galegos (aos coruñesesCompañía de María, Santa María del Mar, Liceo e Dominicanos, súmase o equipo Club de Hóckey Compostela), e os outros sete proceden de Portugal (Porto Dragon Force, Sobreira Paredes,Viana, ACR Gulpilhares, Penafiel, Riba D’Ave e Guimarâes).
Entre as actividades organizadas de forma paralela á disputa do torneo, destacan a realización dun clinic o próximo venres, 5 de decembro, no Pazo de Deportes de Riazor. Ás 18.30 horas haberá unha reunión técnica e, a partir das 19.00 horas, celebrarase esteclinic a cargo do seleccionador español sub-17, Iván Sanz, sobre obxectivos técnicos e tácticos (de 19.00 a 20.15 horas), e do seleccionador portugués sub-20, Luis Duarte, sobre metodoloxía de adestramento na patinaxe durante as etapas de formación (de 20.30 a 22.00 horas). Unha das grandes novidades nesta edición é que, entre as actividades complementarias, se invita aos equipos ao partido da OK Liga de hóckey entre o Liceo e a Barcelona, programado para o sábado ás 19.00 horas.
A celebración do III Torneo Eixo Atlántico de Hockei Patíns na categoría sub-17 ten como principais obxectivos conseguir a participación de escolares de Galicia e o norte de Portugal para consolidar o torneo como un referente deportivo e transmitir os valores do Eixo Atlántico; e dar a coñecer a cidade como un dos puntos con maiores atractivos turísticos de Galicia grazas á riqueza do seu patrimonio artístico e cultural e do seu
ámbito natural.