Mércores 12 de Decembro de 2018

210.000 euros para a dixitalización de documentos e a implantación dun sistema de simplificación administrativa no concello de Arteixo


Trátase dunha subvención concedida ao abeiro do Fondo estatal para o emprego e a sustentabilidade local, que xestiona o Goberno galego

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, e o alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, asinaron a acta de conformidade das axudas concedidas ao abeiro do Fondo estatal para o emprego e a sustentabilidade local, que xestiona o Goberno galego, e que destinou unha achega de 212.729 euros para o financiamento de varios proxectos no municipio.

Con estes fondos, por unha banda, o concello levou a cabo a implantación de procedementos de xestión e simplificación administrativa, que melloran os tempos e facilita a tramitación en aspectos como a xestión de persoal, o portal de subvencións, as comunicacións internas, a xestión dos recursos municipais ou outros procedementos vinculados á responsabilidade patrimonial, á segregación de fincas e ás tramitacións de autorizacións administrativas. Por outro lado, o segundo proxecto financiado con esta partida consistiu na dixitalización dos expedientes municipais, co fin de reducir o espazo de almacenamento e facilitar a busca e manexo.

A Xunta de Galicia levou a cabo a xestión destas achegas de xeito coordinado coas entidades locais co obxectivo fundamental de acelerar a incorporación das tecnoloxías da información e da comunicación nos concellos galegos, e polo tanto, a capacidade de acceso de todos os seus cidadáns e empresas a todos os servizos e posibilidades que a rede lles pode ofrecer.