Mércores 12 de Decembro de 2018

A Xunta adxudica as obras do alumeado da Ponte de Noia por 280.000 euros e un prazo de execución de tres meses


 

O alcalde celebra unha actuación que “porá en valor unha infraestrutura singular, como é a segunda ponte atirantada máis longa de Galicia”

O alcalde de Noia, Santiago Freire Abeijón, celebra a adxudicación das obras do alumeado da Ponte de Noia, tal e como lle avanzara o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, na reunión mantida o pasado venres. Unhas obras que foron adxudicadas á empresa Atlántica de Construcción y Medioambiente SL por un importe de 280.844,70 euros e un prazo de execución de tres meses.

O proxecto dotará de alumeado ornamental o taboleiro da Ponte de Noia e mellorará o alumeado actual, evitando calquera problema de contaminación lumínica. Freire Abeijón salienta que se trata dunha actuación que “porá en valor unha infraestrutura singular, como é a segunda ponte atirantada máis longa de Galicia, ao tempo que reducirá tanto o consumo actual e mellora a iluminación actual da contorna da ponte”.

Deste xeito, as obras suporán a instalación de alumeado LED de 10W no taboleiro da ponte, que poderá ser apreciado de forma continua dende a ría. Así mesmo, substituiranse os actuais focos de 40 W por outros LED de 12 W, que permitirán alumear a mesma superficie con menor potencia. Tamén se substituirán os proxectores de 32W que iluminan os tirantes por outros de menor potencia, tamén de tecnoloxía LED, e instalarase un sistema de control de alumeado.

Un alumeado que non molestará ao condutor ao tempo que mellorarán as condicións paisaxísticas da zona, xa que se empregarán cores para darlle vida á ponte e dotala da posibilidade de cambio e movemento, posibilitando a creación de escenas mediante sistemas de regulación da intensidade da luz.

Dada a importancia desta ponte nas comunicacións da comarca, cun tráfico medio en torno aos 3.000 vehículos por día, non serán precisos desvíos nin cortes de tráfico durante a execución das obras. De feito, tan só en determinadas fases dos traballos podería interrumpirse a circulación por un carril, debido á ocupación de parte da calzada pola maquinaria precisa para executar a obra. Nese caso, regularase o tráfico a través de semáforos.

A Ponte de Noia está emprazada nunha das zonas máis singulares de Galicia, pola súa riqueza histórica, paisaxística, urbanística e económica, sempre relacionada co mar. Ten 1.657 metros de lonxitude e é a segunda atirantada máis longa executado pola Xunta de Galicia, tras o da Illa de Arousa. Posúe un total de 43 vanos, estando atirantados os tres centrais cuns vanos de 48, 102 e 48 metros de luz.

Deja un comentario