Mércores 12 de Decembro de 2018

A Deputación da Coruña e o Concello de San Sadurniño asinan o convenio para novas actuacións no castelo de Naraío


Investiranse preto de 190.000 euros en mellorar a accesibilidade á fortaleza

 

A consolidación de elementos en risco de caída, o acondicionamento dos accesos e a creación de itinerarios para a visita son algúns dos eixos de actuación do proxecto para o castelo de Naraío que a Deputación da Coruña financia cunha achega de 151.000 euros, mentres que os 37.500 restantes correrán por conta do Concello con cargo aos remanentes económicos cos que se pechou 2017. O deputado de Contratación e Patrimonio, Xesús Soto, e Secundino García Casal asinaron este mediodía na Coruña o convenio de colaboración co que bota a andar o proxecto, no que tamén participou a Dirección Xeral de Patrimonio encargándose do deseño técnico das obras.

Para a concesión da subvención, o Concello de San Sadurniño, usufructuario do Castelo desde que se obtivese a cesión da Casa de Alba en 2005, acreditou a necesidade de coordinar as actuacións entre varias administracións, coa finalidade de levar adiante un proxecto que a solicitude municipal cualifica “dun claro interese público”.

Declarado Ben de Interese Cultural, na actualidade o castelo de Naraío non ten todos os seus elementos protexidos, nin pode ser visitado polo público en xeral con garantías de seguridade, xa que carece de accesos axeitados e, por outra banda, os elementos de protección que presenta son unicamente os que quedaran da anterior obra, rematada en 2010. Neste sentido, desde o Concello considerouse necesario actuar de maneira urxente para consolidar e protexer o ben e convertelo nun lugar que a cidadanía poida disfrutar.

Para obter a colaboración económica da Deputación da Coruña e máis o apoio técnico da Xunta, o informe elaborado polo técnico municipal Ignacio Fernández tamén fundamentaba a solicitude na “singularidade deste monumento, salientable dende o punto de vista arqueolóxico e histórico sendo un recurso cultural e turístico que vai máis alá do local”, vencellado incluso co proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal no que San Sadurniño está implicado xunto con outros seis municipios.

A Deputación da Coruña aprobou o pasado mes de xuño unha subvención nominativa que suporá unha achega de 151.000 euros aos que haberá que engadirlles outros 37.750 procedentes de fondos municipais. No caso da Xunta de Galicia a colaboración é de carácter técnico, posto que se encargou de redactar o proxecto das obras de posta en valor do inmoble.

O que se levará a cabo, a grandes trazos, será a limpeza preparación dos accesos con escalinatas desde o punto máis baixo do promontorio, acompañadas de elementos que lle dean seguridade ás visitas tanto no camiño principal como despois dentro, no percorrido que se fai habitualmente polos distintos niveis dos muros existentes.

Porén, a parte que seguramente resulte máis espectacular será a construción dunha estrutura que permitirá subir á torre da homenaxe entrando pola porta que ten a media altura e, desde alí, continuar subindo polo interior até a parte máis alta do edificio, seguindo un deseño do arquitecto José Antonio Alonso, quen xa levou as anteriores fases da rehabilitación.

Secundino García e Suso Soto -en representación da Deputación- asinaron este mediodía o convenio económico entre San Sadurniño e a administración provincial. Tras rubricar a documentación, Soto comentou que o castelo de Naraío “precisaba esta actuación urxente para conservar este ben de especial relevancia e facelo accesible á xente polo que a Deputación da Coruña quere comprometerse con este proxecto que é para manter este ben do noso patrimonio histórico”.

Pola súa banda, o alcalde de San Sadurniño sinalaba que as actuacións previstas se licitarán “de inmediato”, dado que existe partida económica habilitada e tamén o proxecto técnico do arquitecto contratado pola Dirección Xeral de Patrimonio. Secundino García lembrou que o enclave “ten un grande valor histórico e simbólico para todo o territorio” e que, ademais, tamén é “un dos lugares de referencia para coñecer a xeoloxía da zona”, posto que ao seu carón pasa a antiga falla que separa o bloque granítico do Forgoselo das terras sedimentarias que hai a partir da ribeira norte do Castro. “É un punto de grande interese para entender como se configurou a nosa paisaxe. E ademais xunta patrimonio e historia, valores que se queren aproveitar dentro do proxecto do Xeoparque como dinamizadores dun turismo de calidade”, comenta o rexedor.

Secundino García indicou, por último, que a achega de fondos provinciais para a execución dunha nova fase no castelo “é fundamental” para facer visitable a fortaleza. Porén, o alcalde tamén manifestou que se debe “ir un paso máis alá” e que tanto o Concello como outras administracións “deben aspirar” a que todo o conxunto arquitectónico “teña garantida a súa conservación para o futuro mostrándonos ao mesmo tempo todos os segredos que aínda garda”.

Deja un comentario