Mércores 12 de Decembro de 2018

Comezan as obras para dotar de rede de saneamento e depuradora a Filgueira e Seixido, orzamentadas en máis de 113.000 €


 

Teresa Villaverde agarda que poidan estar rematadas no mes de marzo

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, celebra o inicio das obras de saneamento en Filgueira e Seixido, na parroquia de San Xoán de Lousame. Unhas obras adxudicadas por Augas de Galicia á empresa Gestal y López SL por un importe total de 113.487,92 euros, e que inclúen tamén o saneamento da aldea de Servia, que deron comezo a mediados de outubro.

Villaverde explica que “se trata da primeira fase do saneamento en Filgueira e Seixido, onde se instalará a depuradora e se colocará o colector principal coas conexións ás vivendas na marxe da DP-4201. Despois faranse os ramais secundarios porque sen a canalización principal e a depuradora non podemos facer o demais”. Unha primeira fase que agarda que poida estar rematada o próximo mes de marzo. “Despois, para chegar a toda a aldea de Filgueira, haberá que facer cando menos tres ramificacións”, exemplifica a alcaldesa.

Descrición das obras

Na actualidade, os núcleos de Filgueira e Seixido non dispoñen de rede de saneamento municipal de augas residuais, tendo os veciños que dispoñer de fosas sépticas propias. Estas obras contemplan a creación da rede de saneamento que daría servizo ás vivendas existentes, posibilitando a conexión das vivendas da zona incluíndo a rede de colectores precisos para a evacuación das augas residuais e un punto de depuración final.

Así, construiranse dous novos tramos de saneamento que discorrerán na súa maior parte pola estrada DP-4201 e unha pequena parte por un camiño de titularidade municipal. Toda a rede de colectores proxéctase en tubería de PVC de 250 e 200 milímetros de diámetro con 26 pozos de rexistro e arquetas de separación de grosos con rejilla manual e arquetas de inspección.

No que atinxe á EDAR, instalarase un sistema compacto de depuración para o tratamento biolóxico das augas domésticas ou asimilables a domésticas. Un tratamento que cumprirá tanto a Lei de Augas como a normativa europea. A EDAR realizará a depuración en dúas etapas: unha primeira de decantación-dixestión en dous compartimentos contiguos e a aplicación dun filtro biolóxico para a depuración da auga.

Estas obras coinciden no tempo coas de construción da senda peonil e ampliación da travesía de Aldeagrande, que executa a Deputación da Coruña na mesma estrada DP-4201. A alcaldesa de Lousame lamenta que “por mor dos meses de atrasos tanto nos permisos para iniciar as obras de saneamento como na execución da senda peonil, agora van coincidir en pleno inverno dúas obras na mesma estrada, que lles van causar molestias á veciñanza e polas que lles pedimos desculpas”.

O proxecto de saneamento en Filgueira e Seixido é froito dun convenio de colaboración asinado en xullo de 2016 por Augas de Galicia e o Concello de Lousame, financiado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia.

Deja un comentario