Martes 26 de Marzo de 2019

A Casa da Cultura de Lousame acolle este domingo o conto musical “Un lugar chamado mundo”, de Verdeveras Expresións Musicais


A Casa da Cultura de Lousame acollerá este domingo 16 de decembro, ás 18:00 horas, o conto musical “Un lugar chamado mundo”, de Verdeveras Expresións Musicais. Unha actuación recomendada para nenos e nenas a partir dos 4 anos de idade e as súas familias. Organizada polo Concello de Lousame, o acceso é libre e de balde ata completar aforo.

“Un lugar chamado mundo” conta a historia dunha nena, unha regueifeira que queda de súpeto sen palabras e, por consello do seu avó, emprende unha viaxe polo mundo en busca de novas historias que merezan ser cantadas e contadas. Protagonizada por María Ángeles Iglesias e Tato López, o espectáculo busca poñer en valor a regueifa como parte do patrimonio cultural galego, así como estimular o coñecemento dos nenos e nenas das diversas culturas e ritmos do mundo (dende unha tarantella italiana ou un conto chinés ata o son cubano ou o rap, como forma de improvisación musical semellante á regueifa galega).

Ademais, ao optar por unha protagonista feminina, tamén axuda a que os presentes reflexionen sobre cuestións de xénero, xa que a regueifa na súa orixe era un espazo masculino.