Xoves 17 de Xaneiro de 2019

Os corredores Marcos Mayo e Fernando Fernández “Dete” e o piloto Brais Mirón Carnés, distinguidos como mellores deportistas de Lousame do 2018


 

O Concello de Lousame e o Club Lousame Deporte entregaron 39 recoñecementos a clubs deportivos, asociacións e deportistas do municipio

O auditorio da Casa da Cultura de Lousame quedou moi pequeno para acoller ás máis de 150 persoas que asistiron á Gala do Deporte, un evento organizado polo Club Lousame Deporte e o Concello de Lousame no que foron distinguidos 39 entidades deportivas, asociacións e deportistas locais. Os premios para os mellores deportistas de 2018 foron para Fernando Fernández Pérez “Dete”, Marcos Mayo Figueira e Brais Mirón Carnés.

“Lousame, pese a ser un municipio pequeno, é un concello de deporte e ás veces non es consciente dos éxitos de todas as persoas que practican deporte e de cantas modalidades deportivas temos no municipio. Por iso queremos con este acto recoñecer o voso traballo”, explicou a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde.

Tanto a alcaldesa como a concelleira de Deportes, María Regenjo, coincidiron en salientar en varias ocasións o traballo e colaboración ofrecida polos clubs, asociacións e entidades deportivas porque “sen eles non poderiamos facer tantas actividades deportivas como facemos en Lousame”, sinalou Regenjo. Así mesmo, Teresa Villaverde aproveitou para pedirlle ás familias, especialmente ás que teñen fillos e fillas practicando deporte, “que sexan tamén un exemplo para os pequenos. O importante son os valores, non tanto a competición. Porque dende os clubs e asociacións traballan valores como a superación persoal, o esforzo compartido, valores positivos que fan que sexamos mellores persoas”.

Mellores deportistas

Nas súas breves intervencións, todos os premiados coincidiron nos correspondentes agradecementos ao Concello, compañeiros, familiares e patrocinadores. Fernando Fernández Pérez “Dete” quixo destacar o crecemento do seu club e o labor de dous dos seus alumnos: medalla de bronce e 9º nos Campionatos de España, así como “aos nosos cans, que hoxe non están aquí pero que son parte imprescindible do noso equipo”. Pola súa banda, Marcos Mayo tivo especiais palabras de agradecemento para os clubs deportivos “e animalos a seguir con ese traballo, fundamental para que o resto poidamos desfrutar”.

Pola súa banda, o presidente do Club Lousame Deporte, Néstor Romero, aproveitou o evento para presentar a nova sección de montañismo do club que “en 2019 estaremos federados na Federación Galega de Montañismo”. Aínda que as principais actividades desta sección estarán relacionadas, tamén están abertos a fomentar actividades de sendeirismo, rocódromo, alpinismo, excursionismo, marchas, andainas 50, espeleoloxía, barranquismo, escalada, carreira por montaña, marcha nórdica… Néstor Romero convidou a todas as persoas que estean interesadas a participar no club, sempre que queiran “vivir grandes aventuras e ter gañas de vivir experiencias inolvidables”.

Momentos entrañables

A gala, presentada e amenizada polo mago Cayetano Lledó, tivo dous momentos especialmente emotivos. O primeiro foi a recollida do premio á AD Cruído, onde Alberto Bahamonde Maneiro, coordinador da asociación, sinalou “hoxe mesmo estamos de aniversario, cumprimos 25 anos e queremos agradecerllo a todas as persoas que están, que estiveron antes e que estarán, pois esperamos seguir moitos máis anos”.

E o momento máis emotivo foi a entrega da mención especial a José Manuel Ces Romero “Jori”, atleta do Club Fontes do Sar, natural de Lousame aínda que residente en Teo, que sufriu un grave accidente hai 5 anos que fixo que tivera que volver aprender a andar e a relacionarse coa xente. “Este premio dame máis forza”, dixo Jori, que agradeceu ao Concello de Lousame, ao Club Lousame Deporte e a todos os deportistas do municipio “por acordarse de min despois do meu accidente, que para a semana fará 5 anos, e que me fixo empezar de cero: aprender a andar, aprender a falar… e grazas ao deporte aquí estou hoxe”. Unha afirmación que motivou que a alcaldesa de Lousame tomase de novo a palabra para dicir que “persoas loitadoras como José Manuel son as que fan que a vida e o deporte teñan sentido”.

Aínda que os 39 distinguidos tiveron ocasión de dicir algunhas palabras, non todos o fixeron. Unha que si o fixo foi a presidenta de Senda XXI, Manoli Filgueira Romero, quen tivo palabras de recordo para os/as deportistas que sofren algunha lesión, “persoas cuxo obxectivo non é o reloxo, senón simplemente poder chegar á meta”.

Así mesmo, dende o BTT O Treito, Manuel Sestayo Sestayo aproveitou para “dar as grazas a todos os veciños e veciñas de Lousame. Polo nos tipo de deporte, usamos as súas fincas, cruzamos as súas leiras e mesmo cortamos o tráfico algún día. Grazas por deixarnos e seren pacientes. E dicirlles que para o ano o seguiremos facendo”. Finalmente, Manuel Gómez Gómez, do Club Atletismo Lousame, tivo unha mención especial para todos os/as deportistas presentes: “vós sodes os que facedes que as cousas funciones, sodes vós coa vosa participación, así que dádelle caña”.

Lista de premiados

Apoio no desenvolvemento das actividades deportivas municipais. Protección Civil de Lousame, Rede de Voluntariado Local, Senda XXI e Cruz Vermella Noia.

Motor.
– Ralis de Asfalto: Ángel Boullón García, Marcos Rodríguez Díaz, Álvaro Figueira Fernández, Juan Carlos Domínguez Romero, Borja Sóñora Ochoa, equipo Juan José Rodríguez Freire e Diego Creo Rosende, equipo Antonio Castro Filgueira e Manuel Patiño Mariño, equipo Brais García Neu e Adrián Filgueira Grela, e copilota Cristina González Dacuña.
– Rallimix: Martín Rama Leis.
– Motos (enduro): Santiago Giance Maneiro.

Proxección deportiva.
– Óscar Origueira Cao (taekwondo). 1º ranking galego junior e 4º no Campionato de España.
– Edgar Batista Emborik (taekwondo). 4º no Campionato de Europa por Clubs (categoría cadete) e subcampión galego.
– Brais Mirón Carnés (automobilismo, rally de asfalto). Copiloto no Mundial de Rallis (Portugal e Cataluña).

Clubs e escolas pola promoción do deporte local e deporte de base: Lesende CF, AD Cruído, Club BTT/O Treito, Veteranos CF, Club Atletismo Lousame, Club Lousame Deporte, Senbal Mushing Team, Escola de Baloncesto de Lousame, Asociación de pais/nais Taekwondo de Lousame, Escola municipal de tenis, Escola de Taekwondo Natural Sport e escolas deportivas municipais (psicomotricidade, predeporte, fútbol sala, voleibol, tenis, tenis de mesa e balonmán).

Mencións especiais.
– José Manuel Ces Romero “Jori”, polo esforzo e superación persoal.
– Víctor Sobrido Lado, pola súa traxectoria e dedicación na escola municipal de tenis.
– Pilar Barreiro Senra, pola súa traxectoria deportiva e fomento do atletismo.
– Marcos García Sóñora, pola súa traxectoria deportiva e promoción do pádel.
– Javier Rodríguez González, pola súa traxectoria deportiva e promoción do deporte (9º campionato galego de Duatlón Cross).
– Jesús Martínez Castro, pola súa traxectoria deportiva e promoción do deporte (Copa Galicia Ciclocross).

Mellores deportistas locais 2018.
– Fernando Fernández Pérez “Dete”. Subcampión de España de Patín cun Can, 1º na Copa de España (1ª proba) en patín cun can e 1º na Liga Galega (tanto en patín como en bikejoring). En 2017 foi 7º no Mundial IFSS de Polonia e Subcampión de España en canicross.
– Marcos Mayo Figueira. Subcampión galego absoluto de duatlón cross e subcampión do circuíto galego de duatlón cross. 4º clasificado no Campionato Galego BTT XCO e 4º no Campionato Galego de Ciclocross. En 2017 foi campión de Galicia de BTT XCO (master 30).
– Brais Mirón Carnés. Competiu na Peugeot Raly Cup Ibérica (Rally Princesa de Asturisa, Mundial de Ralis), 1º no Rali da Coruña, 1º no Rali de Noia, BkR2 Junior Española… En 2017 foi campión galego Agrupación 3, campión galego Volante FGA e campión galego beca PXP17.