Domingo 21 de Xullo de 2019

O Concello Lousame investirá 466.000 € do POS+2019 a melloras de camiños e accesos a núcleos e destinará 218.000 € a gasto corrente


 

Villaverde lamenta que Lousame reciba “case 80.000 € menos co ano pasado no inicio. Esperemos que isto se corrixa ao longo do ano porque a existencia da Deputación é para axudar aos concellos pequenos»

O pleno municipal de Lousame aprobou por unanimidade a proposta da Alcaldía para o Plan Único de Concellos “POS+ 2019”, que ascende a 548.084,35 euros. A proposta contou cos votos favorables dos concelleiros do PP e do PSOE, xa que non asistiron á sesión os representantes de Terras de Lousame e BNG.

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, explicou que este ano o Concello de Lousame recibirá este ano “case 80.000 euros menos, concretamente 78.931,51 euros menos co ano pasado de inicio. Esperemos que isto se corrixa ao longo do ano porque para min a existencia das Deputacións xustifícanse en axudar aos Concellos pequenos, que teñen moitas necesidades e menos persoal”. Neste sentido, defendeu unha “discriminación positiva” a prol dos pequenos concellos pois, “aínda que os parámetros sexan iguais para todos, cuestións como a dispersión da poboación ou o coste obxectivo dos servizos deberían ser tamén tidos en conta, pois non é o mesmo prestar un servizo nunha gran poboación a facelo nun concello pequeno”.

Desglose dos investimentos

En termos globais, o Concello de Lousame destinará 466.640,99 euros a melloras de camiños e accesos a núcleos (179.580,30 euros da Achega de 2018, 150.039,68 euros do Préstamo Provincial e 137.021,11 euros do Plan Complementario) e 218.464,37 euros a gasto corrente. Así, os 179.580,30 euros da Achega de 2018 investiranse no proxecto “Vial Camboño-Cruce Arxellas e outros”. Un proxecto que inclúe tres actuacións:

– pavimentación do vial dende a igrexa de Camboño ao cruce de Arxellas.
– pavimentación do vial a Ces, onde xa se realizaron dúas fases que se completarán con esta terceira.
– pavimentación do interior de Cernande, localidade onde tamén está a actuar o Concello de Lousame con fondos propios.

O segundo proxecto de obras, “Pavimentación en Béxeres e outros”, está orzamentado en 150.039,68 euros e será financiado integramente co préstamo provincial, xa que o Concello de Lousame non ten ningunha débeda con provedores. Un proxecto que inclúe 4 actuacións:

– pavimentación en aglomerado en Béxeres.
– pavimentación do camiño Silva-Seoane.
– pavimentación do camiño de acceso ao Club de Xubilados dende a CP-4201, pasado Aldeagrande.
– melloras dos accesos a Vilar de Reconco.

O Pleno municipal acordou destinar os 218.464,37 euros da achega 2019 a gasto corrente, unha cifra moi similar á do exercicio anterior (218.630,53 euros). Finalmente, o Pleno aprobou dous proxectos de obras para o Plan Complementario: arranxo da estrada AC-308 a Servia, acondicionamento do interior de Xestoso e pavimentación de camiño a Filgueira, “onde se aproveitará tamén para colocar as tubaxes do saneamento”, explicou a alcaldesa lousamiá. Un Plan Complementario orzamentado en 137.021,11 euros.

Votación

O voceiro municipal socialista, Julio Paradela, criticou que “non se nos chamara para consensuar as obras, aínda que todas son necesarias”. Unha cuestión que a alcaldesa contestou lembrando que “cando saíu publicada a convocatoria no BOP, convocamos unha comisión para que nos dixeran as obras que interesaban e só nos dixo que botaban en falla máis obras de saneamento e de acceso a Internet”.

Villaverde lembrou que “estamos traballando para mellorar o acceso a Internet en varias zonas, pero non é unha actuación como para facer un proxecto para incluír neste plan” e indicou que “no pleno de orzamentos xa puido ver que contemplamos actuacións en saneamento, como as depuradoras de Servia e Filgueira. O colector de Servia xa está e esperamos rematar a depuradora o próximo ano. E en Filgueira miraremos de instalar un bombeo”.