Martes 26 de Marzo de 2019

A Igrexa de San Pedro de Tállara (Lousame) acollerá este domingo un Concerto de Panxoliñas con cinco agrupacións da comarca


 

O Concello de Lousame organiza este domingo 23 de decembro, ás 18:00 horas, unha nova edición do Concerto de Panxoliñas, que nesta ocasión terá lugar na Igrexa de San Pedro de Tállara. Unha xornada musical na que participarán cinco agrupacións musicais da comarca, con máis de medio cento de persoas. A entrada é totalmente libre e de balde.

No programa musical, tres agrupacións repiten con respecto á edición de 2018, celebrada na Casa da Cultura de Lousame: o grupo de pandereteiras da UNED Sénior de Lousame, o grupo folclórico O Son do Pote (Tállara – Lousame) e a asociación cultural Os Jaitas Blue (Noia). Debutarán este ano a coral Pedra Xerpal de Outes e o coro da Escola de Música de Boiro.

Deste xeito, o Concello de Lousame dá continuidade a unha iniciativa iniciada o ano pasado e que reuniu a case 150 persoas na Casa da Cultura (sen contar aos máis de 70 músicos/as das agrupacións musicais, que na súa maioría tiveron que agardar fóra do auditorio ao estaren todas as butacas ocupadas). A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, convida a toda a veciñanza a asistir a este concerto de panxoliñas, “onde poderán desfrutar de distintos estilos, dende a música tradicional á popular, pasando pola música coral e as típicas panxoliñas de Nadal”.