Xoves 17 de Xaneiro de 2019

O Concello de Noia inviste 70.000 euros na construción dun novo parque infantil en Boa


 

O Concello de Noia vén de investir preto de 40.000 euros na construción dun novo parque infantil en Boa, emprazado na zona de estacionamento da praia de Boa. “Pensamos que se trata dunha zona de fácil acceso para a veciñanza da parroquia, ademais de ser unha das zonas que máis poboación concentra durante o verán”, explica a concelleira de Parques e Xardíns, Mariola López Cierto, que supervisou os traballos finais da instalación.

O novo parque infantil de Boa conta con dous xogos de resorte para nenos e nenas menores de 12 anos, un columpio (que inclúe un asento berce para os máis pequenos e outro asento plano) e unha gran instalación multixogo, con dous tobogáns. Conta cun pavimento de caucho continuo para amortecer os golpes en posibles caídas e dispón dun peche perimetral de madeira. A maiores, conta cunha zona de asento para os adultos.

López Cierto salienta a importante aposta que o Concello de Noia está a facer polos parques infantís. “Neste último ano construímos dous novos parques infantís en Boa e Pontenafonso e temos realizado importantes arranxos no do Campo das Rodas e no do Paseo Marítimo que supuxeron un investimento de máis de 170.000 euros. E agora imos achegar outros 102.000 euros na ampliación e mellora do parque infantil de San Lázaro, así como en actuacións puntuais noutras instalacións”, apunta López Cierto.