Domingo 21 de Xullo de 2019

Dolores González Castro, reelixida xuíz de paz de Lousame por unanimidade do Pleno Municipal


 

O Concello de Lousame celebrou esta mañá unha sesión extraordinaria e urxente para aprobar un recoñecemento extraxudicial de crédito (REC 12/2018) de 4.158,57 euros e proceder ao nomeamento da xuíz de paz titular e substituto. A alcaldesa, Teresa Villaverde, xustificou a urxencia da convocatoria no feito de que hoxe era o derradeiro día para o nomeamento da xuíz e na necesidade de que o pleno aprobara o REC para poder abonar as facturas con cargo a este ano.

O REC 12/2018 ascende a 4.158,57 euros e correspóndense con facturas pola compra das canastas de minibasket para a escola de baloncesto de Lousame, a reposición de ordenadores na Casa da Cultura e a compra dun teléfono móbil. A proposta foi aprobada cos seis votos a favor do Grupo de Goberno e as 3 abstencións do PSOE (BNG e Terras de Lousame non asistiron á sesión).

No que atinxe ao xuíz de paz, o pleno aprobou por unanimidade a candidatura de Dolores González Castro, que leva no cargo dende 1997. Así mesmo, todos os concelleiros abstivéronse na votación da candidatura de Xoán Evans Pim como xuíz substituto, polo que esta non foi aprobada (xa que precisaría do apoio da maioría absoluta do Pleno municipal).