Domingo 21 de Xullo de 2019

O Concello de Noia inviste máis de 45.000 € na mellora dos locais sociais de Boa e Barro


 

A concelleira de Relacións Veciñais, Ana Belén García Vidal, explica que “agora actuaremos sobre os locais de Ousoño e Ponte de San Francisco, ademais de facer algunha actuación máis en Barro”

O Concello de Noia está a investir 46.725 euros nun plan de mellora dos locais sociais de Boa, Ousoño, Barro e Ponte de San Francisco. Dous deles xa están rematados, os de Boa e Barro, como puido comprobar a concelleira de Relacións Veciñais, Ana Belén García Vidal, durante unha visita aos locais.

“Na maioría dos casos son actuacións de mellora do interior e exterior do inmoble como pintados, resolución de problemas de filtracións de humidades, reparación de baixantes… que melloran as condicións térmicas dos locais sociais e facilitan a súa utilización por parte dos nosos veciños e veciñas”, explica Ana Belén García Vidal. A concelleira sinala que “xa rematamos as actuacións en Boa e Barro. Agora actuaremos sobre os locais de Ousoño e Ponte de San Francisco, ademais de facer algunha actuación máis en Barro”.

Parque infantil de Barro

Esa actuación adicional en Barro terá lugar na área infantil emprazada a carón do local social e onde nestes últimos días xa se colocaron un par de bancos. “A nosa intención é colocarlle un pavimento de caucho semellante ao instalado hai uns días no parque infantil de Boa e mesmo ver de colocar algún xogo máis”, adianta García Vidal.

Ao longo do ano 2018 o Concello de Noia investiu preto de 100.000 euros en melloras dos locais sociais do municipio “pois en moitas ocasións non se fixera ningunha actuación importante neles desde a súa apertura”, explica a concelleira. Así, en abril reparouse a cuberta do local social de Barro, mentres que en outubro corrixíronse os problemas de humidade e pintou o local social da Barquiña.

A concelleira de Relacións Veciñais explica que “estas actuacións responden á gran utilización que os veciños e veciñas de Noia están a facer destes locais, que serven de punto de encontro para a veciñanza e contan con actividades ao longo do ano, algunhas delas achegadas polo propio Concello de Noia”.