Domingo 21 de Xullo de 2019

A Cabalgata de Reis sobreponse ás temperaturas baixo cero e reparte ilusión por todas as parroquias de Lousame


 

Esta tarde terá lugar un Festival de Reis no polideportivo municipal

A ilusión da rapazada e as familias de Lousame foi quen de impoñerse ao forte frío e as xeadas caídas esta noite no municipio, permitindo que a Cabalgata de Reis polas parroquias fose todo un éxito. De feito, por primeira vez en moitos anos, non só houbo que facer todas as paradas senón que mesmo se fixeron algunhas non previstas ao atopar grupos de nenos e nenas no traxecto da comitiva real.

Se hai dous anos a Cabalgata non se achegara por San Xusto, ao non haber ningunha persoa á espera, nesta ocasión un grupiño de catro mozas e unha nena desafiaron os 2 grados baixo cero que marcaba o termómetro ás 9:30 horas de hoxe para seren as primeiras en saúda a Melchor, Gaspar e Baltasar, lembrarlles o contido da carta, facerse unhas fotos e levar un bo feixe de caramelos e lambonadas para a casa. Ademais, para os máis rezagados, as Súas Maxestades tamén repartiron cartas para que as poidan entregar no Festival de Reis desta tarde.

As xeadas da noite fixeron que o percorrido entre San Xusto, Lesende e, especialmente, Vilacoba se fixera a un ritmo máis lento do agardado, pero sen ningunha incidencia. As maiores concentracións de nenos e nenas tiveron lugar en Tállara e Camboño, seguidos por Fruíme e Aldeagrande. Así mesmo, a comitiva fixo paradas a pe de estrada naqueles puntos ou aldeas de paso nos que había crianzas, e non tan pequenos/as, agardando, como os casos de Vilar de Reconco, Marracín ou Ces (algúns aínda en pixama).

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, acompañou á comitiva dende Fruíme ata Camboño e agradeceu o traballo dos técnicos municipais, membros de Protección Civil e voluntarios/as locais, sen cuxo esforzo non sería posible esta iniciativa. A anécdota da xornada tivo lugar en Vilar de Reconco, onde unha veciña baixou buscar os seus caramelos e lambonadas como “compensación”, dixo, polo feito de que a música que acompañaba á cabalgata lle asustara á vaca.

Esta tarde, entre as 17:00 e as 20:00 horas, o polideportivo municipal “Pilar Barreiro Senra” acollerá o Festival de Reis con inchables, rocódromo e visita dos Reis Magos, que remtará cunha degustación gratuíta de chocolate con churros. Para facilitar a asistencia do maior número posible de veciños e veciñas, sobre todo daquelas aldeas polas que non pasou a cabalgata desta mañá, o Concello de Lousame puxo á súa disposición un servizo gratuíto de transporte: 4 autobuses que recolleron a todos os veciños e veciñas que o desexaron nas paradas habituais do colexio e que os volverán levar aló unha vez rematada a festa.