Martes 02 de Marzo de 2021

A piscina municipal da Fieiteira xe leva o nome de María Vilas Vidal


A primeira deportista olímpica na historia de Riveira xa ten a súa instalación municipal. María Vilas Vidal foi a gran protagonista do acto polo que a piscina municipal do complexo da Fieiteira pasa dende hoxe a ostentar o seu nome despois de ser destapada a correspondente praca.

Foi o de este mediodía un acto multitudinario no que a serea de Castiñeiras estivo rodeado de moitísimas persoas entre amigos, familiares, compañeiros do club no que principiou a súa carreira (Club Natación Riveira, entre eles o presidente Julio Simarro) e veciños que non se quixeron perder esta distinción.

Tamén, por suposto, membros dos distintos grupos políticos da Corporación Municipal, principiando polo alcalde quen durante a súa intervención salientou os múltiples logros acadados por María Vilas durante a súa carreira deportiva, entre os cales ademais dunha participación olímpica se inclúe o feito de ser a primeira nadadora galega en lograr unha medalla nun europeo (bronce en Londres en 1.500 metros).