Xoves 17 de Xaneiro de 2019

Máis de seiscentas persoas enchen o polideportivo municipal de Pedrouzos na Gran Festa de Reis do Concello de Brión


 

As Súas Maxestades entregaron agasallos e lambonadas aos nenos e nenas e fixeron unha ofrenda no Belén Vivente

Máis de seiscentas persoas, entre nenos e maiores, encheron esta tarde o polideportivo municipal de Pedrouzos (Brión) para participaren na gran festa de Reis organizada polo Concello de Brión. Unha festa que comezou coa música da Charanga Os Celtas de Negreira, que precedeu á entrada dos Reis Magos.

Despois de saudaren aos nenos e nenas presentes, os Reis Magos fixeron unha ofrenda ao neno Xesús do Belén Vivente instalado no pavillón e que cada ano se monta grazas á inestimable colaboración dos veciños e veciñas do municipio que non só interpretan os papeis de María, Xosé e demais, senón que tamén traen distintos animais para darlle ambiente: ovellas, cabras, vacas, burros…

Tras visitaren o Belén Vivinte, os Reis Magos desprazáronse ata o seu trono, montado no centro do pavillón, onde foron recibidos polo alcalde de Brión, José Luís García. Acto seguido, os nenos e nenas foron subindo a saudar aos Reis Magos, mentres este lles entregaba unha bolsa con lambonadas e un agasallo. A maiores había un posto da Asociación de Mulleres Rurais Xuntanza, que repartían chocolate, rosca e biscoitos; e outro de Bacoga, que repartía flocos de millo e refrescos.

Deja un comentario