Luns 25 de Marzo de 2019

O Concello de Noia celebrará unha Gala do Deporte en marzo para premiar ás e aos mellores deportistas do municipio


O alcalde, Santiago Freire, e o concelleiro de Deportes, Ramón Santos, reuníronse cos representantes dos clubs do municipio, que terán ata o vindeiro 30 de xaneiro para presentar as distintas candidaturas

O Concello de Noia traballa na organización dunha Gala do Deporte o vindeiro mes de marzo, na que serán recoñecidos os/as mellores deportistas e entidades deportivas do municipio. Unha iniciativa coa que “queremos distinguir e recoñecer o traballo que fan día a día os e as nosas deportistas e clubs de Noia”, explica o concelleiro de Deportes, Ramón Santos Pérez.

Así, o alcalde de Noia, Santiago Freire, e o propio concelleiro de Deportes, Ramón Santos, mantiveron unha reunión con representantes dos distintos clubs do municipio para presentarlles a iniciativa, recoller as súas suxerencias e entregarlles a documentación precisa para que presenten as candidaturas que desexen ás oito categorías establecidas. “Os clubs terán agora ata o vindeiro 30 de xaneiro para formalizar as candidaturas e achegar toda a documentación que consideren relevante”, sinala Santos Pérez, quen apunta que “despois decidirá un xurado no que estarán representados os clubs inscritos no rexistro oficial de entidades deportivas do Concello”.

Categorías

As oito categorías convocadas son: mellor deportista de Noia (modalidades masculina e feminina), promesa máis destacada (feminina e masculina), deportista ou equipo máis destacado dun club de Noia, mellor club do Concello de Noia e dous recoñecementos especiais (a toda unha vida deportiva e a un/unha deportista con discapacidade).

Ramón Santos explica que “a nosa intención é que esta gala teña continuidade en vindeiros anos, polo que as bases xa contemplan aspectos como que as persoas premiadas non poderán volver ser candidatas nun prazo de 5 anos e que o galardón de recoñecemento especial do Concello de Noia só poderá ser recibido unha vez”. No caso do premio ao “mellor club do Concello de Noia”, cada club do municipio entra automaticamente como candidato e poderá votar unicamente por outro club distinto ao propio.

A próxima xuntanza de traballo terá lugar o vindeiro 31 de xaneiro. Os premios serán entregados durante unha gala que se celebrará no Coliseo Noela o próximo mes de marzo.