Martes 12 de Novembro de 2019

Comezan as obras de construción do novo edificio para o Museo do Mar de Noia


 

Santiago Freire agarda que os traballos poidan estar rematados no verán, se ben puntualiza que “o principal será o seguimento arqueolóxico que se fará para protexer os restos da muralla medieval”

A empresa adxudicataria das obras de construción do novo inmoble para o Museo do Mar de Noia, Construcciones Iglesias Mera, vén de iniciar esta semana os traballos. Unhas obras que foron adxudicadas por un importe de 564.000 euros e que contan cun prazo de execución de 8 meses.

O alcalde de Noia, Santiago Freire Abeijón, explica que “a empresa decidiu agardar a este inicio de 2019 para comezar os traballos que, se se respectan os prazos previstos, poderían estar rematados durante este verán”, se ben puntualiza que “máis que a rapidez na execución da obra, o principal será o seguimento e o coidado arqueolóxico que se fará para protexer e poñer en valor os restos da muralla medieval”.

O alcalde noiés amósase moi satisfeito co inicio destes traballos pois “despois de rematar as obras de restauración do Casino, agora afrontamos un proxecto dotará ao Museo do Mar dunhas renovadas instalacións, porá en valor a medalla medieval e suporá unha imporante mellora no aspecto da fachada marítima, dando así resposta ás demandas dos veciños e veciñas de Noia”.

A parcela onde se construirá o novo inmoble do Museo do Mar de Noia xa está valada, polo que mentres duren os traballos o paso de peóns estará cortado no último tramo da rúa da Pescadería, no seu cruce co Malecón de Cadarso.

Características da obra

O Museo do Mar terá unha superficie total construída de 1.125,6 m2, con planta baixa, dúas plantas altas e unha baixocuberta, axustándose á altura dos edificios colindantes, de acordo co establecido no Plan Especial de Protección e Reforma Interior do Casco Histórico de Noia. A planta baixa estará destinada a poñer en valor os restos da muralla medieval, que se integrará dentro dos espazos expositivos a través dunha escavación en torno a ela, de forma que a muralla poderá ser observada dende calquera planta e dende o exterior da edificación. A fachada terá un revestimento de pedra, un espazo porticado e unha cuberta cun acabado en tella cerámica de cor tradicional. As plantas primeira, segunda e sobrecuberta acollerán as salas de exposición para o Museo do Mar.

Estas obras de remodelación, definición estrutural e ampliación do Museo do Mar de Noia están financiadas grazas a un acordo entre tres administracións diferente: o Concello de Noia, a Deputación Provincial da Coruña e a Xunta de Galicia, a través do GALP Costa Sostible.