Luns 25 de Marzo de 2019

A Xunta inviste máis de 94.000 euros na mellora do abastecemento de auga no depósito de Grañas con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental


O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, e o alcalde da localidade, Alfonso Balseiro, asinaron as actas de recepción das obras
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, asinou xunto ao alcalde de Mañón, Alfonso Balseiro, as actas de recepción das obras realizadas con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental, a través da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.
En total, investíronse algo máis de 94.000 euros na na mellora do abastecemento de auga no depósito de Grañas
Ao abeiro destas axudas realizáronse obras na comarca Ferrolterra en 14 concellos e na mancomunidade de concellos da comarca de Ferrol, proxectos nos que se investiron 977.000 euros en total.
Ovidio Rodeiro destacou que “estas axudas son posibles grazas á aprobación, en 2009 da lei, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crea o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental xa que antes os concellos non percibían nada polos muíños de produción de enerxía eléctrica instalados no seu territorio”.
Estas novas actuacións previstas para o 2018 financiáronse con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental e con cargo a fondos propios da Orden de Infraestruturas da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.
As subvencións do Fondo de Compensación Ambiental correspóndelles aos concellos que teñen o seu territorio municipal dentro dunha poligonal de delimitación dun parque eólico ou están afectados pola correspondente instalación de conexión ou vía de evacuación. Estas axudas van a destinadas a financiar iniciativas orientadas á conservación da biodiversidade, ao impulso da eficiencia, ao uso sostible das enerxías renovables e á restauración e reposición do medio ambiente e reequilibrio territorial.